O estudantado pide "compromisos" ás Universidades para afrontar o que queda de curso

Erguer busca consensuar coas Universidades galegas as medidas que permitan adaptar a docencia a esta situación excepcional (Europa Press)
A organización estudantil Erguer está a manter encontros coas reitorías das Universidades galegas para buscar uns "compromisos mínimos" para adaptar a actividade docente á situación provocada pola crise sanitaria, para que a aprendizaxe "se vexa o menos comprometida". 

Após reunirse co reitor de Vigo, e en espera de facelo hoxe coa equipa reitoral de Santiago de Compostela, a organización Erguer reclama unha serie de medidas das Universidades, a comezar polo contacto "inmediato" do profesorado co alumnado para a clarificación e cumprimento dos horarios por parte dos centros que permita organizarse para unha forma de docencia nova e que supón "mais traballo autónomo con menos medios" para o estudantado.

Neste sentido, Erguer demanda que se escoite as necesidades do alumnado e se modifiquen as formas de avaliación "atendendo aos novos traballos existentes nas restantes materias". Para os casos específicos nos que a fenda tecnolóxica impida o seguimento normal do curso ou a avaliación, pide unha solución "pactada".

A organización pide tamén que  os posíbeis cambios no calendario académico "non condicionen o acceso a graos de estudantes que realizan a ABAU ou a mestrados de estudantes que rematan o grao".

No que ten a ver cos Traballos de Fin de Grao ou Fin de Master, Erguer pide unha adecuación dos prazos de lectura e presentación "adaptados á dificuldade que supón o acceso á bibliografia, a realización de ensaios ou á imposibilidade de finalizar as prácticas externa".

Ademais, a plataforma estudantil reivindica estes encontros cos equipos das Universidades para "mellorar  a comunicación e poder informar ás estudantes das medidas que se tomarán", e nese sentido valoran de forma satisfactoria o encontro co reitor vigués e a "vontade de traballo conxunto".