Os Comités chaman a recibir Felipe VI entre protestos

Coicidindo coa visita do monarca para inaugurar o curso escolar a organización estudantil convoca unha concentración fronte o colexio Ben-Cho-Shey en Pereiro de Aguiar (Ourense).

 

"Wert, Borbóns fóra da nosa nación". Ese é o lema lanzado pola organización estudantil Comités para convocar o estudantado a unha concentración o vindeiro 16 de agosto. Coincidindo coa visita do monarca español a Pereiro de Aguiar, Ourense, onde inaugurará o curso escolar, os Comités chaman a se mobilizar contra "o modelo educativo da dereita española máis rancia". 

No acto institucional estarán presentes o ministro de Educación, José Ignacio Wert, Jesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura e outros cargos institucionais da Xunta de Galiza. Un encontro que tildan de "publicitario" co que goberno e monarquía visan promover as súas "políticas educativas", no curso escolar en que se iniciará a implantación da LOMCE. 

Aliás, din nun comunicado de imprensa difundido através da súa web, "a presenza dos Borbóns na Galiza, é máis unha vez, motivo de denuncia social, pois son a representación dun réxime caduco e obsoleto, bandeira do españolismo e da opresión da cultura galega". 

Á espera de que se faga pública a hora de chegada dos Borbóns e representantes gobernamentais, desde os Comités animan a tomar parte na mobilización.