Estudantado interrompe o Consello de goberno da USC e exixe a demisión do reitor

[Imaxe: SG]
Leron en voz alta as súas reivindicacións, que pasan polo rexeitamento á LOMCE e por aumentar a participación do alumnado nas decisións que atinxen á institución pública


Varias ducias de estudantes interromperon esta quinta feira a reunión do Consello de goberno da USC.

Para alén de exixiren a demisión do reitor, ao igual que acontecera nas protestas de decembro realizadas no claustro universitario, deron leitura en voz alta a unha listaxe de reivindicacións en que deixaron claro o seu posicionamento contra a LOMCE "por ser unha lei que privatiza o ensino" e reclamaron "unha maior apertura" dos órganos de representación do alumnado "cuxo funcionamento non é efectivo".

Así as cousas, após unha mobilización que foi de banco en banco baixo o lema 'A nosa educación non pagará a vosa débeda', @s manifestantes, convocad@s polas Asembleias abertas de estudantes, dirixíronse até o pazo de San Xerome, na praza do Obradoiro, onde se estaba a desenvolver a sinalada xuntanza.

Acusan a Juan Casares Long de ser "un representante de Feijóo" e repróchanlle que "por moitos comunicados en defensa da educación pública que emita, faltan as medidas reais", polo que lle piden que abandone a reitoría.