Estrear a vida no rural con aldea propia

Construcións nun dos núcleos rurais á venda perto do Cebreiro. (Foto: GalicianCountryHomes)
O salto á fama do lugar de Candelago, na Costa da Morte, vén de lembrar a posíbeis investidoras -particulares ou grandes empresas- a existencia de numerosas localidades en venda na Galiza. As aldeas que se ofertan superan con diferencia os doutros territorios e vendelos suporía loitar contra o despoboamento.

A venda da aldea galega de Candelago, na contorna da Costa da Morte, por 200.000 euros, volveu pór de relevo o despoboamento do rural galego. Mentres que as familias e as firmas investidoras debaten na casa sobre a posibilidade de mercar este complexo inmobiliario que leva no mercado desde 2013, agarda a súa quenda unha numerosa listaxe de aldeas despoboadas. 

Aló por 2019 a actriz de Hollywood Gwyneth Paltrow destacaba publicamente as bondades de mercar unha aldea abandonada na Galiza.

Foi un deses momentos nos que esa publicidade permitiu crear firmas dedicadas a este tipo de negocio. 

Agora é oferta da vila da Costa da Morte a que vén actualizar de novo o asunto do despoboamento no rural nun momento no que a demanda de casas con terreo -fundamentalmente en municipios do litoral galego- está á alza. 

Existen moitas aldeas sen habitantes no país e a ninguén lle sorprende, chegando incluso a existir o interese de que estes núcleos atopen novas propietarias entre as entidades financeiras. Por exemplo, nos últimos anos Abanca resaltaba a existencia deste negocio de compra-venda baseado na "investigación para atopar os posíbeis herdeiros" e pactar prezos con eles para poder sacar á venda as pequenas localidades.

Unha das primeiras empresas en apostar por este sector foi Aldeasabandonadas.com, que na súa páxina web dá acubillo a decenas de propiedades de todo o Estado. Cunha vista rápida xa se detecta que os núcleos rurais pantasma abundan máis na Galiza que noutros territorios. 

Máis de 50 localidades procuran habitantes

Actualmente, a firma dispón de 55 aldeas para mercar, das cales a maioría se atopan en comarcas interiores ou con pouco pulo industrial. 

A estas habería que sumar polo menos outras dúas incluídas na bolsa da inmobiliaria galega Galician Country Homes, que malia estar especializada nun tipo de propiedades especiais e diferentes, tamén incorporou algún lugar, como é o caso dun moi próximo ao Cebreiro e ao Camiño Francés a Compostela.

Mentres nalgúns puntos da xeografía española os concellos fornecen vantaxes para incrementar o padrón municipal intentando evitar o abandono total, na Galiza é preciso tanto evitar o despoboamento en moitas localidades como revivir eses puntos do rural que hai anos que quedaron baleiros. 

Sábese, porque as páxinas tamén inclúen o inglés, que as investidoras estranxeiras son un dos obxectivos para dar saída a estas poboacións -tamén os grupos empresariais que aposten en complexos turísticos-, mais hai ofertas para todo tipo de persoas. 

Dos 30.000 euros até os 240.000

Os anuncios van desde os 30.000 euros por unha aldea de tres casas até 240.000 (en rebaixas) dun espazo que inclúe unha casa principal, outras tres vivendas, cinema con bar, capela e terras, integradas estas últimas na Denominación de Orixe Ribeira Sacra para o cultivo de viño. 

Os prezos son moi dispares. Entre as listaxes de elementos destacados destes puntos do rural aparecen mananciais, almacéns, hórreos, "bos accesos" ou "bo sinal móbil". 

En xeral, as zonas onde se atopan estas casas que perseguen novas donas e donos son tamén aquelas onde o mercado inmobiliario está bastante parado e nin as vivendas individuais atopan saída pola falta de servizos públicos e privados ou emprego nas proximidades.

Aldeas para vivir e outras pensadas para a creación de complexos turísticos

En empresas especializadas neste tipo de propiedades, como é o caso de AldeasAbandonadas.com, ofrecen algúns núcleos deshabitados nos que unha familia ou varias unidades dunha mesma gran familia poden rehabilitar para un traslado temporal ou definitivo. No entanto, tamén se aposta en darlle saída ás propiedades a través de acordos con grandes investidoras que elixan determinada zona para crear complexos turísticos. De feito, hai algúns en funcionamento ou outros que se promoven aludindo a un plan existente.