Os estragos da industria forestal no patrimonio arqueolóxico chegan ao Parlamento galego

Mariña Patrimonio mantivo xuntanzas con deputados de BNG e AGE. Colectivos e entidades urxen administración e xustiza tomar medidas.

BNG e AGE levarán ao Parlamento de Galiza os prexuizos xerados no patrimonio arqueolóxico galego polas actividades ligadas á industria madereira, impulsadas noemadamente pola expansión do eucalipto. Mariña Patrimonio mantivo nas semanas pasadas xuntanzas con Antón Sánchez, portavoz de AGE, e Cosme Pombo, deputado do BNG. “O BNG vai levar ao Parlamento galego unha batería de iniciativas encamiñadas á protección do noso valioso patrimonio”, afirma o colectivo mariñao no seu FB, ao tempo que destacou a disposición de Sánchez “para levar a cabo iniciativas no Parlamento que consigan frear as desfeitas no patrimonio, provocadas pola industria do eucalipto”.

Así pois, a preocupación perante a ameaza que a industria forestal representa para o patrimonio arqueolóxico galego vai chegar á Cámara lexislativa. Cómpre lembrar que Mariña patrimonio e Adega están a colaborar para documentar a fondo unha serie de agresións ao patrimonio e impulsar unha campaña de concienciación que leve a administración e xustiza a tomar conciencia dun problema que “é un problema moi grave, dunha dimensión preocupante”, en palabras de Fins Eirexas.

O colectivo Mariña Patrimonio constatou máis de 30 lugares protexidos (mámoas, castros...) destruídos durante talas e traballos relacionados co eucalipto. Nada que nos deba estrañar se temos en conta, como denuncia este colectivo da mariña lucense, que a metade dos 500 xacementos arqueolóxicos “que ten inventariados Patrimonio no norte de Lugo teñen eucaliptos enriba”.