A industria forestal ameaza o patrimonio arqueolóxico galego

Colectivos e organizacións alertan da gravidade e dimensión do problema: castros, mámoas, xacementos, destruídos nas tarefas forestais. Queren que xustiza e administración actúen.

Hai uns días un castro era arrasado en Mondoñedo pola maquinaria empregada para facer unha plantación de eucaliptos. Un estrago que, segundo os valedores do patrimonio, non poden valorarse como casos illados. “Estamos perante un problema grave, dunha dimensión preocupante”, considera Fins Eirexas, de Adega. O problema, como aponta Manuel Gago, profesor e experto en Patrimonio, é “a expansión da industria forestal e o impacto negativo que está a ter por todo o país no patrimonio, algo do que non se está a falar abondo”.

“É un problema moi grave, dunha dimensión preocupante: Cómpre que Fiscalía e administracións adopten medidas”

O colectivo Mariña Patrimonio constatou máis de 30 lugares protexidos (mámoas, castros...) destruídos durante talas e traballos relacionados co eucalipto. Nada que nos deba estrañar se temos en conta, como denuncia este colectivo da mariña lucense, que a metade dos 500 xacementos arqueolóxicos “que ten inventariados Patrimonio no norte de Lugo teñen eucaliptos enriba”.

Se Ence non existise...

Estamos, pois, perante un “problema xeralizado”. Fins Eirexas di que habitualmente na súa asociación reciben novas dalgún novo dano ou impacto negativo sobre patrimonio galego por este tipo de tarefas e labouras forestais, ligadas á expansión do cultivo de eucalipto. “Se ENCE non existise, se non houbese toda esta presión por eucaliptizar o país até o último recuncho, este problema sería moito, moito menor”.

No norte de Lugo, de 500 xacementos arqueolóxicos inventariados, a metade están invadidos polos eucaliptos.

Porén, esa problemática de agresións patrimonioais tan “xeralizada” non acaba de espertar reacción na sociedade e nas administracións, como recoñecen os colectivos. O representante de Adega un exemplo: o castro de Baroña. “Se un madeirista planta aí eucaliptos a indignación social sería inmensa e habería actuación política e xurídica”. Porén, que se estraguen ducias de xacementos, mesmo catalogados, inventariados ou incluso protexidos, non xera esa reacción. E iso é o que queren procurar, “que se visibilice a gravidade da situación e que iso leve actuar”.

Como visibilizar ese problema? Adega e Mariña Patrimonio están a traballar man con man na documentación dunha serie de agresións ao patrimonio na zona norte de Lugo. “Un traballo de campo a fondo, abranguendo todos os aspectos, para despois comezar unha denuncia que faga que Fiscalía, administración e medios de comunicación teñan que asumir a gravidade do problema”.