Estragan na Coruña o espazo de homenaxe a Samuel

Flores estragadas no lugar do asasinato de Samuel (Imaxe: Nós Diario).

Flores frescas, peluches e candeas amoreábanse no punto onde mallaron en Samuel Luiz na madrugada do 3 de xullo. O punto de homenaxe, no que contribuíron cidadás e cidadáns anónimos, sufriu un acto vandálico na quinta feira.

O espazo dedicado a Samuel na rúa onde ocorreu a malleira que derivou na súa morte apareceu estragado na quinta feira.

Nese punto da avenida Bos Aires da Coruña había flores frescas, peluches e candeas que persoas anónimas foron depositando.

Descoñécese quen puido estragar o lugar de homenaxe, que na noite da quinta feira xa fora restituído, aínda que se apreciaban os restos da cera esparecida polo chan e pétalos esmagados das flores.

Fotografías do lugar difundíronse a través das redes sociais, onde usuarias e usuarios relacionaron o asasinato cun delito de odio: "Destrozaron o altar de Samuel. Seguro que tampouco hai ningún compoñente homófobo en estragar as candeas e as flores dun mozo indefenso de 24 anos asasinado a golpes por unha manada".

O caso do asasinato de Samuel continúa investigándose baixo segredo de sumario. Os tres homes maiores de idade detidos en relación coa malleira que provocou a morte do mozo seguirán na cadea e a Policía trata de identificar máis persoas vinculadas coa agresión mortal.

A moza detida permanece en liberdade con cargos, mentres que os dous menores detidos continúan nun centro tutelado pola Xunta da Galiza.

Esta mesma semana o Goberno estatal anunciaba que concedera o permiso de residencia e de traballo aos dous homes senegaleses que trataron de axudar a Samuel cando estaba a ser agredido.