Como combater a síndrome posvacacional?

A sensación de falta de enerxía é un dos síntomas da síndrome posvacional.
A fin das vacacións e o comezo de setembro veñen da man do que habitualmente se coñece como 'síndrome posvacacional'. A psicóloga Paula Martínez Figueiras, do Colexio de Psicoloxía da Galiza, explica en que consisten os síntomas deste fenómeno e propón consellos que axudan a evitalo.

Despois de dous anos de pandemia, os trastornos psicolóxicos entre a poboación foron en aumento. Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a ansiedade, o estrés e mesmo nalgúns casos a depresión son algunhas das doenzas mentais máis habituais que se viron incrementadas desde o confinamento. A esta situación súmaselle o inicio de setembro, co consecuente final de vacacións, que agrava estes problemas cun fenómeno popularmente coñecido como a síndrome posvacacional

A psicóloga Paula Martínez Figueiras explica para Nós Diario que non existe unha patoloxía propiamente dita que se poida denominar 'síndrome posvacacional', senón que se trata dun conxunto de síntomas que as persoas experimentan cando volven ao traballo e á realidade da rutina. “Entre eses síntomas están a tristeza, a apatía, a falta de enerxía, a desgana ou a propia perda de expectativas” ao rematar o período vacacional, indica Martínez.

Non existe unha patoloxía propiamente dita que se poida denominar 'síndrome posvacacional'

Se ben resulta habitual pensar que a síndrome posvacacional só se manifesta cando o tempo de descanso resultou produtivo e agradábel, unhas vacacións mal aproveitadas tamén poden provocar certa frustración ao non ter gozado dese tempo. Martínez comenta para Nós Diario que as vacacións non sempre contan co tempo suficiente como para desconectar e que, “antes de decatarnos, xa temos que volver á realidade”. 

De feito, moitas persoas atopan complicado enfrontarse á desconexión que implica o período vacacional, mais o descanso, como asegura a psicóloga, é necesario. Sostén que as persoas máis propensas a padecer algún dos síntomas son aquelas que experimentan un alto grao de estrés no traballo, así como presións ou unha axenda apertada.

“Os postos de responsabilidade poden afectar en maior medida” a que as persoas que os ocupan enfronten unha volta á rutina máis dura. “Os cambios bruscos de ritmo”, segundo a psicóloga, tamén son un elemento chave na aparición dos síntomas.

Tras o confinamento a consecuencia da pandemia da Covid-19, “ás persoas que xa eran ansiosas e que o pasaron mal durante o feche é posíbel que lles afecte máis a fin das vacacións e que os seus niveis de ansiedade ascendan, pois son máis susceptíbeis”. Tamén aquelas que buscan "telo todo baixo control" e coñecer o que vai pasar nun futuro próximo “tenden a sobreinformarse, e iso é un erro, pois xera máis medos”, explica Martínez.

Recomendacións para evitar os síntomas

Martínez ofrece unha serie de recomendacións que poden axudar a que a volta ao traballo resulte máis levadeira. É fundamental durmir ben e alimentarse correctamente, así como realizar exercicio físico. Ademais, é necesario ter ilusións e comprender que a volta ao traballo non implica a perda dos momentos de ocio. Cómpre tamén dedicar certo tempo ao autocoidado, pois "o estrés non lle proporciona calidade ao traballo, estar ben si".