Estes son os 50 concellos en alerta vermella pola incidencia da Covid-19

Mapa actualizado a 6 de novembro (Imaxe: Xunta da Galiza).

Os municipios galegos en alerta vermella pola incidencia da Covid-19 eleváronse esta quinta feira aos 50, ao entrar na lista as localidades de Barbadás, Verín, Neda e Cabana de Bergantiños.

Medio cento de concellos atópanse no nivel máximo de incidencia da Covid-19 segundo o mapa que cada día actualiza a Consellaría de Sanidade.

Trátase dos concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Pontedeume, Oleiros, A Coruña, Cambre, Culleredo, Arteixo, Carballo, Malpica, Cabana de Berganitños, Vimianzo, Ordes, Compostela, Ames, Teo, Lalín, Vilagarcía, Cambados, Ribadumia, O Grove, Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Marín, Moaña, Cangas, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Mos, Ponteareas, O Porriño, Salvaterra de Miño, Tui e a Guarda.

Tamén Lugo, Monforte, Viveiro, Cervo, Burela, Xinzo, Ourense, Ribadavia, O Carballiño, Barbadás e Verín.

De acordo co mapa 'semáforo', a gran maioría de concellos en situación 3 pola pandemia están situados no Eixo Atlántico, onde se concentra a maior parte da poboación galega. Coinciden, na súa meirande parte cos municipios afectados polas restricións que entran en vigor ás 00 horas deste sábado.

A entrada no nivel máximo de risco de todas estas localidades implica que se detectaron máis de 21 casos de coronavirus nos últimos sete días. Con todo, nas urbes de máis de 50.000 habitantes, o limiar para detectar o aviso vai en función do tamaño. Ferrol -máis de 76 casos nunha semana, Pontevedra -máis de 96-, Santiago -máis de 112-, Lugo -máis de 112-, Ourense -máis de 120-, A Coruña -máis de 276- e Vigo -máis de 332-.

En laranxa

En situación dúas -na cor laranxa do mapa- sitúanse 24 municipios, un máis que o día anterior. Trátase de Valdoviño, Mugardos, Ares, Betanzos, Sada, Cerceda, Ponteceso, Laxe, Zas, Santa Comba, Oroso, Boqueixón, Noia, A Estrada, Cuntis, Caldas de Reis, Ponte Caldelas, Soutomaior, Gondomar, Tomiño, A Cañiza, Palas de Rei e Chantada.

O medio cento de concellos en alerta vermella coincide no día en que se superaron os 10.000 casos activos no conxunto da Galiza.