Estes son os 19 concellos que alegaron contra a norma que aumenta a protección do lobo

Manada de lobos. (Foto: Carlos Castro / Europa Press )

Un total de 19 concellos galegos presentaron alegacións contra a normativa estatal que aumenta a protección do lobo. A ollos da asociación animalista Libera, o dato demostra “o rotundo fracaso institucional” da “campaña antilobo da Xunta”.

En resposta a unha pregunta do deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez-Reino, o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco) informa que un total de 19 concellos da Galiza presentaron alegacións en contra da normativa estatal que aumenta a protección do lobo.

O Ministerio confirma na resposta que foron 19 os concellos galegos que presentaron alegacións: O Pino, Ourol, Vilarmaior, Noia, Muras, Abadín, Alfoz, Cervo, Valadouro, Xermade, Xove, Viveiro, Pedrafita do Cebreiro, Curtis, Cervantes, As Nogais, Navia de Suarna, O Vicedo e Porto do Son. A eles, súmanse 26 alegacións doutras institucións, entidades ou organizacións, aínda que dúas fóra de prazo.

Nun comunicado, Libera incide en que esta cifra "representa pouco máis do 6% das entidades locais de toda a Galiza" e sostén que "a campaña antilobo da Xunta foi un rotundo fracaso institucional".

Ao fío destes datos, Libera denuncia "un uso interesado" das cifras por parte do Goberno galego "debido a que menciona o número total (5.635) pero obvia que unha porcentaxe moi importante corresponden a organizacións non gobernamentais que piden máis protección para o lobo, como os escritos colectivos de WWF ou Voluntariado para o Censo do Lobo Ibérico, que en conxunto suman 959".

Debate no sector agrogandeiro

"Tamén no capítulo de alegacións de colectivos atópanse entidades gandeiras, ecoloxistas e até unha empresa inmobiliaria", remarca a asociación animalista.

Libera insta o Executivo galego "a deixar de instrumentalizar politicamente a conservación da biodiversidade con argumentos pseudocientíficos como que o lobo pon en perigo a viabilidade de explotacións gandeiras, xusto cando os propios sindicatos denuncian que o prezo da carne non deixa de caer".

"O simulacro de enfrontamento co Goberno estatal por parte da Xunta e outros territorios só é unha fachada para evitar a abordaxe real dos problemas do sector produtivo e da Galiza baleirada: poucas axudas e pagos demorados até dous anos, falta de servizos básicos, caída de prezos", expón nun comunicado no que volve reclamar "un foro do lobo" para sentar as bases "dunha política de coexistencia".