Entrevista

Ester Merlotte: "Intento facer a menstruación máis ecolóxica"

Ester Merlotte impartindo unha formación.
O Proxecto Xerminando imparte obradoiros de fabricación de compresas de tea

A menstruación foi durante moito tempo, e continúa a ser aínda, un tabú na nosa sociedade. Entre os temas que por mor diso quedan marxinados ao silencio está o aspecto ecolóxico que arrodea os produtos de hixiene feminina, como as convencionais compresas e tampóns. Ester Merlotte procura, desde o Proxecto Xerminando, alternativas con menos impacto sobre o medio mediante a reciclaxe.

A reciclaxe é o punto de partida de Xerminando?

Si, son moitas cousas confluíndo, pero esa é unha das principais. Ademais, están aí o tabú que arrodea a menstruación, o consumismo -que vai da man da reciclaxe-, e o feminismo, tamén como factores fundamentais. En principio, o máis importante era facer ver ou dar ideas de cousas que se poden facer de maneira sinxela coas nosas propias mans, sen necesidade de consumir ou mercar nada, porque xa temos todos os materiais que precisamos. Está xa todo feito. O obxectivo era un pouco o da divulgación do que se pode facer coa reciclaxe, pero ofrecendo ideas concretas e mesmo explicando o proceso paso a paso a través de obradoiros. 

Quería dar ideas de cousas que se poden facer de maneira sinxela coas nosas propias mans, sen necesidade de consumir ou mercar nada, porque xa temos todos os materiais que precisamos

O primeiro produto co que fai obradoiros son estas compresas de tea. Porén, ten máis en mente?

Si, a idea era ofrecer moitos outros produtos, mais, polo momento, ese é o estrela e o que está a abarcar toda a atención, case sen deixar avanzar noutros [ri]. Estamos dándolle ao I+D coas bolsas de mercar a granel, os discos desmaquilladores, que resulta que se gastan moito, discos da lactación... O produto máis rompedor para min é o papel hixiénico, aínda que penso que vai ser máis difícil de ser aceptado. 

Por que comezar polas compresas de tea?

Porque vin que era do que máis necesidade tiñamos, xa que non existe unha solución doada para o tema da menstruación. É certo que temos a copa menstrual, mais ten as súas consecuencias de perdas, entón eu percibía que as compresas de tea eran algo que se precisaba moito. En Compostela houbo durante un tempo unha rapaza que as facía, pero agora xa non. Como algunhas de nós quedamos para facelas, pensei que iso era precisamente o que facía falla. 

Que beneficios outorgan estas compresas de tea fronte ás industriais?

Fundamentalmente o feito de poder reutilizalas. Xa non tes que ir sequera ao supermercado ou a unha tenda mercar máis, están sempre aí. Saen máis económicas e non contaminas, sobre todo con estas para as que nin sequera temos que mercar tea para facelas. En canto á saúde, son tamén mellores. Descubrín que hai moitas rapazas que usan as de tea que non podían empregar as outras por temas de alerxias ou comechóns, e tiñan que mercalas de algodón ou farmacia, moi caras. Coas téxtiles non teñen irritacións nin nada diso. Aguantan un pouco máis, son máis secas e máis divertidas. E avultan menos cando vas de viaxe, non tes que levar un pacote enorme na bolsa e andar a contar cantas vas precisar! 

Canto duran os obradoiros?

Adoito poñer dúas horas, sabendo que non van acabar de todo. Leva un tempo facelas á man. Eu explico a maneira máis sinxela que atopei e intentamos poñer en común os materiais, xogando... Logo tamén entramos, pouco a pouco, a falar da menstruación e das solucións que ten cada unha. Está moi ben ter unha tarde con outras persoas que comparten esa inquedanza de facer a menstruación máis ecolóxica e máis sa. 

Descubrín que hai moitas rapazas que usan as de tea que non podían empregar as outras por temas de alerxias ou comechóns

Contribúe ese espazo de comunidade a combater o tabú que comentaba antes?

En certo modo, si. Nos meus círculos, penso que estou nunha burbulla e que non vexo o que acontece fóra dela. Neste espazo, sinto que se está mellorando e que se pode falar con liberdade do tema, mais aínda se agocha a típica compresa de plástico. Non estamos como hai uns anos, pero non é algo tan naturalizado. Mesmo hai certos lugares nos que non se pode falar e continúa a ser tabú.

Como podemos avanzar na normalización?

Falando, sobre todo. E talvez se precisa máis educación neste asunto, non só nos institutos. Penso que estes obradoiros fan tamén certo labor nese senso.