XUíZO STOP-DESPEXOS / CORUñA

"O meu caso é unha anécdota comparado coa xente anónima que está ser sancionada"

X. M. Carril e X. Vence [Imaxe Ana Barxa]

O portavoz municipal do Bloque na Coruña, Xosé Manuel Carril, atribúe os xuízos e sancións a "políticas represivas" contra a cidadanía que "exercemos os nosos dereitos fundamentais".

 

Xosé Manuel Carril protagonizou esta terza feira a segunda parte dos xuízos que decorren na cidade da Coruña contra activistas da Plataforma Stop-Despexos. O voceiro municipal do BNG personouse nos xulgados no trámite de proba pola impugnación da sanción económica que lle impuxeron con motivo da denuncia presentada pola Subdelegación de Goberno contra divers@s manifestantes no despexo de Aurelia Rey

En declaracións aos medios de comunicación ás portas do edificio Proa, Carril asegurou o seu caso é "unha anécdota" en comparanza coa "xente anónima" que é sancionada e multada "por ir a unha manifestación a exercer o seu dereito fundamental de reunión pacífica ou por emitir a súa opinión no seu exercicio de liberdade de expresión".

 

'Non somos serv@s nin escrav@s, 
somos pobo que defende os seus dereitos'

O portavoz municipal do Bloque estivo arroupado por varias ducias de persoas que quixeron amosar a súa solidariedade co edil. Detrás dunha faixa na que se podía ler 'Non somos serv@s nin escrav@s, somos pobo que defende os seus dereitos', as persoas concentradas apoiaron o concelleiro quen afirmou "este lema non é ningunha obviedade, é unha auténtica necesidade". Xosé Manuel Carril pronunciouse nestes termos a respeito da situación que actualmente se está a vivir e na que, salientou, "estase a substituír o estado de benestar por un estado penitenciario ou de penitencia"

Para o voceiro nacionalista "este é o contexto actual: as políticas neoliberais de apoio á grande banca e aos grandes mercados están a empobrecer a xente, que á súa vez protesta, e increméntanse as políticas de represión. Para a represión non hai austeridade". Acompañando a Carril atopábase tamén o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, quen asegurou que malia a "represión" e a "persecución policial" das "persoas que se comprometen lexitimamente a favor da xente" a organización frontista "non se vai nin enrugar nin amedentrar, e imos seguir ao lado das persoas que sofren, prestándolles o noso apoio e protección que o PP lles nega".
 
O proceso xudicial continúa adiante á espera da sentenza.