Absolt@s seis activistas de Stop-Despexos

[Imaxe @XMCarril]

A xustiza di que o delito prescribiu e sinala que só se produciu un acto de "resistencia pacífica".

 

O xulgado da Coruña absolveu esta segunda feira (20 de outubro) a seis activistas de Stop-Despexos Coruña por ter prescrito o suposto delito que se lles imputaba. Estas seis persoas atopábanse no interior da vivenda de Elisabeth Sanlés o 8 de outubro de 2013 cando axentes da policía española executaron o seu despexo por orde xudicial. 

Durante o lanzamento inmobiliario non se produciu ningún enfrontamento entre @s activistas e @s axentes policiais no que constituíu un exercicio de "resistencia pacífica", asegurou Héctor Tejón, portavoz da plataforma Stop-Despexos Coruña á saída dos xulgados. Para alén disto, o suposto delito prescribira após cumprírense máis de 6 meses desde que foi denunciado. 

Stop Despexos di que "seguiremos na rúa" malia as sancións e xuízos

Con motivo da vista ás portas dos Xulgados concentráronse varias ducias de manifestantes que quixeron amosar a súa solidariedade coas persoas axuizadas. 

Aínda así, Stop-Despexos acumula sancións administrativas por valor de 7 mil euros, principalmente polas accións desenvolvidas contra o desafiuzamento de Aurélia Rey, mais tamén polo conflito no Ofimático. "Virán máis xuízos e sancións", sinalou Tejón quen asegurou, no entanto, que "hai que continuar" loitando contra os despexos. "Seguiremos na rúa", advertiu o activista mentres lembrou que o obxectivo deste colectivo é impedir que se poida deixar 'xente sen casa', como reza o lema de Stop-Despexos. 

Héctor Tejón criticou, neste senso, as políticas da Xunta de Galiza e lembrou que "en dous anos e medio" só foron realoxadas "33 persoas" embora térense prometido solucións.