Estamos ante un novo caso de 'Ecce Homo' na Coruña?

A talla de Isidoro Brocos, antes e despois da restauración.
Denuncian unha "falta grave" no proceso de restauración dunha virxe de Brocos.

O arquitecto Alberto Fuentes Valcárcel trasladou á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta da Galiza un informe no que alerta dun posible caso de 'Ecce Homo' (aínda que non tan "agravado" como o do municipio aragonés de Borja ou o da Virxe de Chamorro, en Ferrol) polo "repintado" dunha virxe do escultor do século XIX Isidoro Brocos e que se atopa na igrexa castrense de San Andrés, na cidade da Coruña.

Segundo explicou, a talla da Virxe do Carmen retirárona para a súa restauración aínda que, unha vez colocada de novo na igrexa, comprobou, no seu caso, que "a repintaron en lugar de restaurala". "E que ese foi o encargo", dixo este arquitecto, que engadiu que "toda a policromía orixinal desapareceu".

"Aínda que á vista non é horrorosa, é unha falta igual de grave", sinalou ao ser preguntado se é comparábel co caso do 'Ecce Homo'. "Non é unha cousa tan agravada como o Ecce Homo ou a Virxe de Chamorro", sentenciou.

Con todo, asegurou que "segue sendo unha gran falta" e que, por ese motivo, contactou coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para que se avalíe o sucedido. Sobre este tipo de casos, manifestou que unha actuación deste tipo ten que estar a cargo de "persoal homologado".

Alberto Fuentes expuxo tamén que algúns fregueses trasladaron o seu malestar e que o párraco sostivo que "lle daba igual, que estaba mellor".

Pola súa banda, desde a Consellaría de Cultura confirmaron que esta semana entrou un escrito sobre esta cuestión e que os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural están a solicitar información para "coñecer os feitos".