A Virxe de Chamorro de Ferrol... Un novo 'Ecce Homo'?

Apatrigal demanda que a obra sexa restaurada por profesionais para achegarse á súa forma orixinal.
O antes e o despois da Virxe de Chamorro co paso dos séculos. (Fotos: Apatrigal)
photo_camera O antes e o despois da Virxe de Chamorro co paso dos séculos. (Fotos: Apatrigal)

Datada do século XII, a talla de Chamorro, símbolo en Ferrol e unha das representacións da Virxe máis veneradas na Galiza, non envelleceu ben. Ou, mellor dito, as constantes restauracións ás que foi sometida co paso dos anos non deixaron que envellecese ben.

A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) lanzou a pasada semana un 'SOS' ante o anuncio dunha nova rehabilitación por mor do ennegrecemento do seu rostro e exixiu que os traballos fosen desta volta dirixidos e supervisados por persoas expertas.

Outros colectivos como Ferrolterra Antiga, a Asociación de Conservadores e Restauradores ou o propio Concello deron tamén a voz de alarma e lograron que a Xunta paralizase a execución desa restauración.

"Finalmente, vaise proceder como corresponde: estudo e análise da peza por parte de expertos, proposta de restauración por parte de restaurador experto, autorización da dirección xeral de Patrimonio e restauración coa recuperación do aspecto orixinal, mantendo a autenticidade e eliminando o mal feito até o de agora", celebraban este domingo desde Apatrigal.

A imaxe actual da Virxe de Chamorro tornou en viral nas redes sociais e moitas persoas acharon grandes similitudes co xa mítico Ecce Homo restaurado por Cecilia Giménez en 2012.

"Cremos que pode estar recuberta e que ao ir sacando capas sairá a orixinal. Temos esperanza de que así sexa para que logo profesionais da restauración comecen a traballar sobre o orixinal", defendeu esta terza feira Carlos Fernández, de Apatrigal, en declaracións a La Hora de TVE recollidas por este xornal.

"Por moi boa fe que poidan actuar as propietarias [do templo no que se sitúa], a custodia dun ben de tan alto nivel reside no pobo, a través das institucións, e débese respetar a profesionalidade e a correcta restauración", lembraron desde o colectivo.

Comentarios