“Estamos a carón do encoro de Portodemouros e levamos tres días sen luz”

Esta segunda feira amenceu con perto de 2.000 fogares en Galiza que continuaban sen luz. Afectados critican o que consideran “desleixo” e “abandono” por parte das eléctricas así como a “indiferenza” da Xunta.

“Estamos a carón do encoro de Portodemouros, onde se xera moito electricidade, e nós levamos sen luz xa catro días. Deben de estar a mandala toda para Madrid”. Xosé Díaz é veciño dunha aldea de Touro, a uns 25 quilómetros de Compostela, e el, canda a súa compañeira e o fillo, tiveron que deixar a súa casa para ir a duns familiares. O motivo, que levan sen luz desde que a pasada quinta feira de madrugada, unha situación que lles impide facer vida con normalidade. Na aldea na que residen, explica, hai veciños que tiran de equipos electróxeno. “A empresa dixo que ía poñer grupos electróxenos para dar electricidade a esta aldea pero nada, non o fixo”, denuncia.  E son xa moitos días sen luz.

Este veciño afirma que se puxo en contacto con Fenosa e despois de moito insistir logrou que lle informasen que unha brigada estaba a traballar na zona para reparar os danos e que volvese a luz. Unha versión que el desbota: “Estaban traballando noutros puntos, aquí, non, non chegaron ata o domingo”. Lamenta que o rural sexa, máis unha vez, prexudicado. “Entendo que actúen primeiro nas zonas con máis incidencias mais non pode abandonar o rural, onde a falla de luz causa tamén moitos problemas”.

Sostén, con deixe de retranca, que se o que caese co temporal fosen as torretas “que levan a luz para Madrid” axiña serían reparadas polas eléctricas. Neste punto, Díaz denuncia o que cualifica de “abandono” e “desleixo” político. “Noutros concellos movéronse para axudar os seus veciños mais aquí, en Touro, nada de nada”, afirma, ao tempo que considera que a Xunta “tampouco está a facer nada” perante un problema que afectou ducias de milleiros de fogares e que aínda afecta case 2.000.