Case 2.000 fogares continúan sen luz catro días despois da chegada do temporal

Imaxe: A3

Os afectados chegaron a superar os 190.000 usuarios: familias, explotacións gandeiras e pemes sufren os efectos. 

A primeira hora desta segunda feira eran case 2.000 usuarios os que continuaban sen luz en Galiza. Unha situación que se prolonga desde que na pasada sexta feira o tren de borrascas comezase afectar o noso país, con refachos de ventos de máis de 180 quilómetros por hora e centos de incidencias. Catro días despois, aínda seguen sen luz 2.000 fogares, nunha situación que xerou queixas e protestos. Até 80.000 queixas se cursaron nestes días perante as operadoras eléctricas.

A falla de luz non só afectou a vivendas familiares mais tamén a negocios (hostalaría, talleres...) e por volta de 1.800 explotacións lácteas ás que non ter electricidade impediulles a muxida e que mantivesen refrixerado o tanque no que se almacena o leite. Explotacións de áreas como a do Deza ou do interior de Lugo foron as máis afectadas, segundo apontaban sindicatos agrarios.

As caída de árbores e polas sobre o tendido ou os fortes ventos son algunhas das causas que se aducen desde as compañías como Gas Natural Fenosa para explicar os cortes de luz. Porén, usuarios e sector agrario consideran que non é de recibo tantas horas sen luz e afectando tanta xente. Sitúan como causa a falla de mantemento das liñas das compañías eléctricas. 

Axudas a afectados e expediente a Fenosa

O BNG pide unha liña de axudas para os afectados polos cortes de luz e solicita que se abra un expediente a Fenosa. "É evidente que as liñas non teñen o mantemento acaído e, ademais, a multinacional non contaba cun dispositivo para afrontar con rapidez e eficacia as consecuencias dun temporal anunciado e esperado".

Ao tempo que a fronte nacionalista realizaba estas peticións, a Xunta anunciaba que abrirá un expediente informativo ás compañías distribuidoras de electricidade na Galiza para analizar se os protocolos de traballo seguidos a raíz das incidencias do temporal foron "os acaídos".