O Estado ve "imperativo" cobrar nas autovías e insta a "non demoralo máis"

A autovía do Cantábrico, A-8, ao seu paso por Ribadeo (Foto: Europa Press)
Unha fonte de ingresos "extra e directa" para o mantemento das estradas, di a secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera.

A secretaria de Estado de Infraestruturas, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, asegurou nesta segunda feira que é "imperativo" o pagamento da taxa de uso nas autovías, e apelou a "non aprazalo máis".

Así o trasladou durante a inauguración do 25º Simposio Estatal de Vías e Obras da Administración Local, organizado pola Deputación de Pontevedra.

Pardo de Vera defendeu que o modelo de "pago por uso" ofrecerá unha solución ao "crecente déficit" na conservación das estradas, permitindo obter unha fonte de ingresos "extra e directa".

Para ela, os 1.400 millóns de euros que se destinarán en 2022 ao mantemento destas infraestruturas son "insuficientes", polo que insta o Estado a dar "un paso máis".

"Ou afrontamos un cambio ou seguiremos a ser vítimas dun sistema tan inxusto como lucrativo para algúns", dixo. Neste senso, afirmou que non aprobar a taxa "detrae recursos" para o arranxo das estradas "en detrimento dos que terían que ser destinados a reforzar a sanidade, a educación ou a xustiza".

Pardo de Vera tamén salientou os "descontos históricos" logrados nas autoestradas que manteñen unha concesión, como Audasa na Galiza, que deixaron o Goberno estatal "refén" da súa xestión.

A secretaria de Estado fixo alusión, así mesmo, á recadación de portaxes "desequilibradas" no territorio, "xerando profundas fendas de oportunidade".

Aliás, apuntou que o modelo imposto en Europa é "60% de taxa de uso e 40% de peaxes", e preguntou se "alguén pode entender" que as e os transportistas do Estado "paguen por usar as estradas de toda Europa" mentres os estranxeiros "usan de balde as estatais".