Prealerta de seca na maior parte da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa

O Estado levará a situación de seca na Galiza a Europa

O ministro de Agricultura, Luis Planas (Foto: Europa Press)
A Fegamp xa trasladou o seu apoio e colaboración á Xunta, despois de que esta decretase a prealerta de seca pola situación dos encoros e sistemas de abastecemento de gran parte da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa.

O ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, informou nesta terza feira que ten pensado pór enriba da mesa a situación de seca na Península Ibérica, e moi especialmente na Galiza, durante unha reunión que vai ter lugar en Bruxelas dentro de 15 días, e na que participarán as ministras de Agricultura da Unión Europea.

Planas fixo esta declaración despois dun Consello de Ministras no que o Executivo discutiu sobre este tema. "Imos seguir moi de cerca a situación para ver que medidas se poden tomar", afirmou o titular da carteira de Agricultura.

Na segunfa feira, o Goberno galego viuse obrigado a declarar a prealerta de seca en 12 dos 19 sistemas de explotación da Demarcación Hidrográfica Galiza-Costa, após detectar "dúas anomalías claras" no que respecta aos niveis de precipitación e os caudais circulantes actuais.

Con esta medida, a Xunta decretou a prealerta de secar nos sistemas de abastecemento do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona; Costa de Pontevedra, río Lérez e ría de Pontevedra; río Umia e ría de Arousa (marxe esquerda); e río Ulla e ría de Arousa (marxe dereita).

A prealerta tamén estará vixente no abastecemento de río Tambre e ría de Muros; río Xallas, Costa da Coruña e ría de Corcubión; río Castro; río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña até o río Anllóns; río Anllóns e Costa da Coruña até o límite con Arteixo; río Mero, Arteixo e ría da Coruña; e río Mandeo e ría de Betanzos.

"Colaboración" da Fegamp

Un dos primeiros organismos en posicionarse tras o anuncio do Goberno galego foi a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que xa trasladou á Xunta que fornecerá toda a "colaboración" que estea na man das entidades locais.

Fontes da Fegamp detallaron a Europa Press que polo de agora seguirán as directrices e instrucións que cheguen dos organismos responsábeis da xestión e mantemento da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Neste sentido, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen informou da decisión do Executivo galego de decretar a prealerta, puxo o foco no papel dos concellos, aos que instou a que transmitan unha mensaxe concienciación social sobre o consumo de auga mentres a situación non remita.

Situación dos encoros

A Galiza comezou febreiro cos encoros a 55,4% da súa capacidade, 2.030 hectómetros cúbicos de auga almacenados, segundo os datos proporcionados o 1 de febreiro polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

A conca do Miño-Sil atopábase  en 53,8% da súa capacidade, con 1.629 hectómetros cúbicos. No caso da conca de Galici-Costa, esa porcentaxe subía até  63%, uns 431 hectómetros cúbicos de auga.

En ambos casos, a situación de seca existente, derivada da ausencia de chuvias nestas primeiras cinco semanas do ano, provocou a redución paulatina das reservas de auga no país. Mais o baleirado dos encoros galegos durante verán de 2021 por parte das grandes compañías eléctricas agravou esta problemática, xa que moitos deses encoros quedaron en niveis mínimos.

En setembro de 2021, o Partido Popular rexeitou no Parlamento galego  a creación dunha comisión de investigación no Parlamento para analizar "as causas, consecuencias e responsabilidades" do "abrupto" baleirado de encoros, así como o impulso de medidas para compensar o ocorrido e evitar que se repetise.