A Xunta continúa ocultando o número de efectivos

O Estado pon 180 rastrexadores ao servizo do Goberno galego

Imaxe de arquivo do delegado do Goberno español na Galiza, Javier Losada. (Foto: Delegación do Goberno)
Mentres aumentan as dúbidas e críticas sobre o sistema da Xunta para dar cos casos de coronavirus, o delegado do Goberno español na Galiza anuncia esta medida de control.

As dúbidas sobre o servizo de rastrexo da Xunta da Galiza non fan máis que aumentar. Se na quinta feira foi o recentemente nomeado conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen se negou a concretar no Parlamento da Galiza o número de persoas destinadas a ese labor, onte foi o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, quen eludiu aclarar a cuestión.

 

Unha negativa que chegou, precisamente, horas despois de que o Centro Europeo de Prevención e Control das Doenzas (ECDC), un organismo dependente da Unión Europea, instase os países europeos a extremar a resposta diante do virus, facendo especial fincapé “no rastrexo de contactos”.

 

Feixoo reiterou a argumentación empregada polo conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña, para negarse a informar do número de rastrexadores actualmente activos na Galiza. Así, o presidente galego afirmou que hai "distintas categorías" para as funcións de rastrexo.

 

Rastrexador, segundo Feixoo, é desde un médico de familia que pide unha PCR e detecta un positivo, aos profesionais dos servizos hospitalarios de Medicina Preventiva, as xefaturas territoriais sanitarias ou os traballadores do centro telefónico para dúbidas do coronavirus.

 

"Non existe ese posto de traballo”, “é un proceso, non un profesional", afirmou un día antes na Cámara galega García Comesaña, para evitar contestar unha pregunta do deputado socialista, Julio Torrado, onde lle solicitou a cifra de rastrexadores operativos na Galiza.

 

Nunha liña semellante, expresouse na comisión parlamentaria de Sanidade a directora xeral de Saúde Pública, Carmén Durán, quen nunha resposta á nacionalista Montse Prado non deu aclarado o alcance do operativo de rastrexo, onde xoga un papel chave o grupo Konecta, un call center con sede en Bergondo ao que está ligado Ignacio Cárdenas, irmán da parella de Feixoo.

 

A polémica sobre o número de rastrexadores coincide coa decisión do Goberno do Estado de pór ao servizo da Xunta da Galiza 180 profesionais do Ministerio de Defensa para desenvolver estas tarefas. Neste sentido, o delegado do Goberno na Galiza, Javier Losada, explicou a decisión como “unha mostra máis do compromiso que mantén coa Xunta da Galiza” o Executivo estatal.