O Estado non endurecerá as restricións para a Semana Santa

Reunión do Consello Interterritorial de Saúde, nesta cuarta feira (Foto: Ministerio de Sanidade).
O Consello Interterritorial rexeitou hoxe aumentar as restricións para a Semana Santa, polo que na Galiza se mantén o plan inicial: fechamento perimetral entre o 26 de marzo e o 9 de abril, toque de recoller ás 22 horas e reunións de até seis persoas non conviventes no exterior e catro no interior (agás nos domicilios).

Após o encontro mantido esta cuarta feira no seo do Consello Interterritorial de Saúde, o Ministerio de Sanidade decidiu finalmente non endurecer as restricións actuais na Semana Santa. Con todo, salientou a importancia de velar polo cumprimento da normativa actual para evitar unha nova repunta da Covid.

Nun primeiro intre a ministra, Carolina Darias, sondara cos responsábeis de Sanidade de cada territorio a posibilidade de adiantar, a nivel estatal, o horario de feche de todas as actividades "non esenciais" (incluída a hostalaría) ás 20 horas entre o 26 de marzo e o 9 de abril, unha medida que o conselleiro galego, Julio García Comesaña, desbotaba onte a primeira hora: "A Galiza xa ten neses ámbitos un nivel alto de restricións, co feche decretado ás 21 horas, o que non dista moito da proposta do Ministerio", dixo.

Darias alertou do "cambio de tendencia" que está a experimentar a curva de contaxios da Covid, tanto no conxunto do Estado como na Galiza: "Hai dúas semanas, cando descendiamos a un ritmo importante, pactamos unha serie de medidas coordinadas, claras e contundentes sobre a mobilidade e os contactos sociais, e ese acordo de mínimos estabelece un marco común de obrigado cumprimento, e permite a cada territorio aumentar as restricións en función da situación epidemiolóxica", xustificou.

O encontro da cuarta feira, afirmou, serviu para "determinar como podemos garantir o cumprimento das medidas acordadas anteriormente", e salientou que está "aberta" a escoitar novas propostas restritivas por parte dos territorios do Estado.

Mobilidade restrinxida

Durante a Semana Santa, todos os territorios ficarán fechados de forma perimetral, permitíndose unicamente os desprazamentos internos entre os concellos galegos que non estean no nivel máximo de restricións.

O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, adiantou que o departamento de Tráfico da Garda Civil despregará "todos os efectivos precisos" para asegurar o cumprimento desta medida. "Debemos limitar ao máximo a mobilidade, tamén dentro do propio territorio, e ficar na casa sempre que sexa posíbel. Non podemos aínda planificar desprazamentos longos", engadiu.

Reunións sociais

Dado que se mantén en vigor o "acordo de mínimos" que alcanzara o pasado 10 de marzo o Consello Interterritorial, na Galiza a hostalaría, o comercio e outras actividades consideradas "non esenciais" manteñen o fechamento ás 21 horas. O toque de recoller, así mesmo, fica nas 22 horas (no Estado está decretado ás 23, mais permítese adiantalo ou atrasalo unha hora).

E as reunións entre persoas non conviventes, como xa se anunciara a semana pasada, están permitidas até un máximo de seis en espazos exteriores e de catro en interiores (agás nos domicilios privados, onde están prohibidas).

Sanidade insta á "prudencia" e rexeita novos feches internos

"Alcanzamos a fase de meseta, onde a curva de contaxios se estanca e deixa de descender". Así o advertiu nesta cuarta feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa posterior á reunión do Comité Clínico na terza feira. En consecuencia, demandou "prudencia" e instou a "limitar" os desprazamentos na Semana Santa, xa que a Galiza está nun momento "crítico" para evitar a cuarta vaga.

Neste senso, rexeitou novos fechamentos perimetrais por áreas sanitarias ou provincias, que, dixo, terían unha "dubidosa efectividade". "Preocúpanos máis que se cumpran as restricións da mobilidade exterior para que, igual que as e os galegos non poden saír, tampouco entren persoas de fóra", expuxo.

Por outra banda, o conselleiro ratificou o nivel de restricións, adiantado na terza feira, que se aplicará a cada concello. Así, Beade e Maside fican no máximo, e no alto figuran Abegondo, Baiona, Neda, Ortigueira, Sanxenxo, O Saviñao e Vilardevós. O nivel medio deberano cumprir Arteixo, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Camariñas, Cangas, O Carballiño, Coles, A Coruña, Culleredo, A Laracha, Laxe, Pantón, Ponteceso, Ribadavia, Sober, Soutomaior, Valdoviño e Xinzo. O resto do país permanece no nivel baixo.