En estado grave o menor de Noia ferido nun accidente no que faleceu o seu irmán

Accidente mortal en Noia. (Foto: Bombeiros de Boiro)
O Concello de Noia decretou dous días de loito.

O menor ferido nun accidente de tráfico en Noia (comarca homónima) no que faleceu o seu irmán, continúa grave e en estado crítico, segundo fontes consultadas pola axencia Europa Press. Esta mesma tarde será enterrado o seu irmán maior, que faleceu no sinistro que se produciu pasadas o 10 horas da noite do pasado día 24, Noiteboa, após unha saída de vía e a colisión do coche que conducía contra outro que estaba estacionado.

Segundo o relato da persoa que deu o aviso á central de emerxencias do 112, o vehículo saíu da vía en Carracido, na parroquia de Barro (Noia) e impactou contra outro alí aparcado. Os ocupantes do coche quedaron atrapados e tiveron que ser excarcerados, confirmándose no lugar a morte dun deles.

Após teren constancia dos feitos, un equipo do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) desprazouse até o lugar para prestar axuda aos familiares dos mozos, veciños de Noia.

En declaracións a Europa Press, o alcalde do municipio coruñés, Santiago Freire, trasladou a súa consternación polo sucedido e o apoio á familia. O consistorio decretou, tras coñecerse a noticia, dous días de loito.