Vivenda

O Estado financiará 286 vivendas para aluguer social en Ferrol, Lugo, Mos e Ourense

Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
As vivendas construiranse en réxime de promoción pública por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) formalizou esta quinta feira un acordo coa Galiza para financiar a construción de 286 vivendas en edificios enerxeticamente eficientes destinadas ao aluguer social ou accesíbel.

Segundo o convenio asinado, o Mitma achegará 14,2 millóns de euros dos 44,9 millóns de euros orzados para a execución destes proxectos, divididos en seis actuacións, con cargo aos fondos Next Generation, no marco do Plan de recuperación transformación e resiliencia (PRTR), segundo informou o Ministerio esta quinta feira.

Case 300 vivendas en catro municipios

Os acordos recollen axudas para a construción de vivendas en catro municipios do territorio, coa seguinte distribución: 146 vivendas en dúas actuacións que terán lugar en Lugo; 66 vivendas proxectadas no concello de Ourense; 54 vivendas que se levarán a cabo en dúas actuacións na cidade de Ferrol máis unha vintena de vivendas proxectada en Mos (comarca de Vigo). O Ministerio precisou que as vivendas construiranse en réxime de promoción pública por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

En novembro de 2022, o Mitma e a Xunta asinaron outros dous acordos para edificar case medio millar de vivendas –499– destinadas ao aluguer social en trece actuacións diferentes, desenvoltas tamén polo Instituto Galego de Vivenda e Solo en réxime de promoción pública, cunha achega por parte do Ministerio de 24,5 millóns de euros.

Desta maneira, informa o Goberno estatal, até a data formalizouse a construción dun total de 785 vivendas en 19 actuacións dentro de nove municipios do territorio galego, cunha achega total por parte de Mitma de 38,7 millóns.