O Estado español é un dos que máis animais de compañía abandona de Europa

Cans nun centro de adopción (Foto: Aranzazu Navarro).
Un estudo precisa que, no ano 2021, as protectoras recolleron ao redor de 285.000 cans e gatos en todo o territorio estatal, unha cifra similar á de anos anteriores.

O Estado español ten unha das taxas de abandono de animais máis altas de Europa, segundo un estudo de Fundación Affinity que leva por lema 'El nunca o faría 2022' dado a coñecer no marco do Día Internacional do Animal Abandonado, que decorre este sábado 20 de agosto.

Neste sentido, o estudo precisa que, no ano 2021, as protectoras recolleron ao redor de 285.000 cans e gatos en todo o territorio estatal, unha cifra similar á de anos anteriores. Por iso, lamenta que o abandono de mascotas "persiste" e "é un dos principais problemas de benestar e calidade de vida dos animais de compañía no Estado".

Isto, a pesar de que "cada vez hai unha maior conciencia, novas leis e eventos como o Perrotón que ten como obxectivo fomentar a actitude responsábel, promover a adopción e contribuír a acabar cos abandonos e situacións de malos tratos animais", segundo comenta Gerardo Montoiro, xerente da compañía Bissell.

Precisamente esta empresa quere promover a adopción de cans e gatos e lembra "que ter unha mascota implica responsabilidade, empatía, tempo e diñeiro". "Nunca é por capricho, hai que tomar tempo e valorar se se vai ter tempo para ela, se a casa está condicionada, se toda a familia vai colaborar no seu coidado e respectala", sinalan.

Recoméndase a esterelización

Neste sentido, chaman a lembrar que, cando se adopta a un animal, está a "salvarse unha vida"; ademais recomendan a súa esterilización xa que, segundo indicaron, "unha das grandes causas do abandono é a tenencia de camadas non desexadas". Tamén recomendan informarse sobre a normativa referente á tenencia de mascotas e apuntan que, quen comparte a súa vida cunha, "mellora o seu estado anímico".

Tamén destacaron o "amor sen condicións" que ofrece un destes seres e advirten de que "hai todo tipo de estudos que demostran as vantaxes tanto saudábeis como emocionais de convivir día a día cun animal doméstico".

Unha vida máis activa e máis organizada, ademais de máis positiva para as crianzas, son outras das vantaxes que enumera Bisell para animar a adoptar unha mascota.

O caso de Carballo

Aínda que a identificación dos cans mediante microchip é obrigatoria por lei desde o ano 2003, "só 16% dos animais que son acollidos na Canceira Municipal de Carballo contan con el".

Así o manifestan desde o propio Concello de Carballo, ao tempo que lembran que "este sistema de identificación electrónico permitiría saber de quen é o can, de maneira que facilitaría o retorno ao fogar no caso de perda ou a localización do responsable no caso de abandono, pero o incumprimento da lei impídeo e os animais permanecen nas instalacións municipais ata que son adoptados ou morren".