O Estado español multiplicou por cinco nestes dez anos as súas exportacións de armas

As vendas españolas de armas ao estranxeiro en 2012 ascenderon a 1.953 millóns de euros. Esculca lembra que moitas desas armas “continúan tendo como destino países en conflito armado ou nos que existen graves violacións dos dereitos humanos”.

No ranking mundial de estados exportadores de armamento, o español situouse na novena posición en 2012. Vendas por valor de 1.953 millóns de euros. Unha década antes, en 2003, esa cifra andaba nos 383 millóns. Cinco veces menos. O Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades Esculca lembra unha evidencia que moitas veces se esquece, interesadamente ou non: moitas destas armas continúan tendo como destino países en conflito armado ou nos que existen graves violacións dos dereitos humanos.

"O que prima nas exportacións son criterios comerciais e políticos, non o cumprimento e respecto dos Dereitos Humanos"

O relatorio do Centre JM Delàs per a la Pau lembra mesmo que o Estado español vendeu armamento o ano pasado a catro países sometidos a embargo. Libia, Irán, Azerbaián e Líbano. “Tanto a lei española como a Posición Común establecen unha serie de criterios para denegar exportacións a aqueles países que estean sancionados ou embargados, países con manifesta inestabilidade política, países en conflito armado, países que vulneren os dereitos humanos, países que non loiten contra o terrorismo ou países cun índice de pobreza preocupante”. Uns criterios que non se cumpren.

Quen compra as armas españolas?

O Centre ten un completo relatorio sobre todo o que ten a ver coa venda e exportación de armas polo Estado español. O destino número un é a zona de Oriente Próximo (Arabia Saudí, Israel, Oman...), un dos puntos quentes do planeta en canto a tensións e conflitividade.

O segundo posto en importacións de armas españolas en 2012 vai para Venezuela, con 182 millóns de euros (principalmente en buques e patrulleiras de vixiancia). O terceiro lugar é para Estados Unidos, con 91 millóns, sendo o receptor do 4,5% das exportacións de armas españolas.México, Indonesia e Kazaxistán están os seguintes no ránking.

"Ocultación" e "secretismo"

Nas súas conclusións, o Cedre denuncia a “ocultación” e o “secretismo” en todo o relativo a esta cuestión, o que fai difícil un control efectivo das exportacións por parte de organizacións e entidades de dereitos humanos ou pacifistas. Aliás, denuncian que o Estado español prima criterios “comerciais” e “políticos” sobre os dereitos humanos, o que consideran que contravén convenios e tratados internacionais.