O Estado cala sobre a responsabilidade de FCC no sinistro do viaduto da A-6

Maite Ferreiro (BNG), á esquerda, entregou unha carta á ministra de Transportes, Raquel Sánchez, exixindo unha solución "urxente". (Foto: Nós Diario).
A investigación sobre as causas da caída da ponte da A-6, parada polo Goberno estatal 

A apertura ao tráfico do tramo da A-6 entre os concellos de Pedrafita do Cebreiro e a Veiga de Valcarce vai para longo. A propia ministra de Transportes, Raquel Sánchez, rexeitou ofrecer prazos concretos para a reconstrución do viaduto e mesmo sinalou que o Executivo non ten aínda decidida unha solución técnica para este tramo de autovía. 

A ministra reclamou “tempo” e pediu “tranquilidade e paciencia” para afrontar esta crise. Nesta dirección, aclarou que precisan valorar a actuación a executar na parte do viaduto que segue en pé pero tamén na caída. A este respecto, significou a necesidade de traballar sobre o terreo para determinar co precisión o acontecido. 

A responsábel gobernamental recoñeceu a preguntas dos xornalistas que o Executivo non se puxera aínda en contacto coa empresa construtora da obra pero que  pensaban facelo nas semanas vindeiras co obxectivo de aclarar as causas da caída da ponte. Na mesma liña, as fontes do Goberno estatal consultadas por Nós Diario gardaron silencio sobre a posibilidade de esixir responsabilidades ás compañías que ergueron o viaduto. 

Sánchez fechou a súa visita á Galiza cunha xuntanza co presidente galego, Alfonso Rueda, que agradeceu a vontade do Executivo estatal para reunirse. O encontro veu precedido dunhas duras declaracións da secretaria xeral do PP galego, Paula Prado e do propio Rueda, que demandaron “máis información” porque a que hai “é bastante confusa” e reclamou  que “queremos coñecer as causas e, sobre todo, as expectativas de como se vai organizar a circulación e o acceso á Galiza”.

As explicacións de Sánchez

As explicacións de Sánchez non convenceron no BNG. Neste sentido a formación nacionalista fixo chegar as súas queixas á ministra mediante un escrito entregado en man pola vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro. A misiva remitida desde o BNG reclamaba “unha investigación transparente e independente que permita coñecer as causas do sinistro e dirimir responsabilidades, ademais dunha auditoría de toda a autovía, para garantir a seguridade en todos os treitos”. Ao tempo, urxían unha pronta recuperación da normalidade pola “importancia que ten a A-6 para as conexións por estrada de todo o territorio galego”

As incógnitas do sinistro

As incógnitas sobre as causas da caída da ponte, a negativa a cometer unha auditoría sobre o estado dos viadutos nos diversos tramos da A-6 e o silencio sobre as responsabilidades da construtora están a provocar un gran malestar entre unha parte dos responsábeis políticos. Precisamente, o tramo da autovía entre Pedrafita do Cebreiro e a Veiga de Valcarce foi edificado por unha unión temporal de empresas liderada por Fomento de Construcciones y Contratas (FCC), sociedade propiedade naquela altura de Esther Koplowitz, que ten na actualidade como máximo accionista o multimillonario mexicano Carlos Slim

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, amosouse esta sexta feira “escandalizada e moi preocupada” polo sinistro e demandou que se aclare “cal é a responsabilidade das empresas construtoras e se estamos asistindo a un encubrimento por parte do Goberno do Estado e do Goberno da Xunta da súa responsabilidade. Non vemos normal o silencio da Xunta e parécenos que hai neste asunto unha complicidade, un pacto de silencio PP-PSOE que entendemos politicamente impresentábel”. “A quen queren protexer”, preguntouse Pontón, quen afirmou que “desde o BNG preguntámonos que está pasando con este viaduto que foi construído hai 20 anos, non 200, pero que cae a cachos”.

O alcalde de Pedrafita, o socialista José Luís Raposo, tamén sinalou á empresa construtora. Neste sentido, instou a “que lles pregunten a quen o construíu” sobre as causas da caída da ponte da A-6 e apuntou que “posibelmente teña un defecto de construción” e unha “cimentación non suficiente”.

Precisamente, esta hipótese gañou forzas nas últimas horas, aínda que a maioría dos expertos consultados por Nós Diario culpan do acontecido a diversos factores e poñen o foco en problemas derivados da propia edificación do viaduto.