Estabilizado o lume que arrasou 150 hectáreas en Melón e Ribadavia

Un dos incendios orixinados en Melón foi extinguido, e o segundo, estabilizado mais aínda activo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Un dos focos que afectaron o monte de Quins, en Melón, extinguiuse por completo na tarde desta quinta feira.

O monte comezou arder na segunda feira en Melón e —ao feche desta edición— as chamas aínda non deron tregua. Un lume iniciado na parroquia de Quins arrasou antes de ser definitivamente extinguido, segundo as primeiras estimacións da Consellaría do Medio Rural, 35 hectáreas.

Porén, as chamas seguen vivas por mor dun segundo incendio que se orixinou no mesmo lugar só 24 horas despois, cun balance de arredor de 50 hectáreas calcinadas até o de agora. Medio Rural informou de que o lume fora estabilizado —mais non extinguido aínda— a última hora da tarde.

E estabilizado quedou tamén en Ribadavia, na parroquia homónima, onde as chamas deixaron calcinada unha superficie que rolda as 65 hectáreas.

Esta quinta feira, aliás, principiou contra as 18 horas un novo foco no municipio de San Xoán de Río, que segue activo e xa levou por diante perto de 12 hectáreas de terreo.

E nas últimas horas as chamas abriron paso tamén en municipios como Cualedro ou Oímbra.

6.000 hectáreas queimadas en Portugal

O país veciño está a sufrir tamén os efectos das chamas en diferentes puntos do seu territorio, cunhas 6.000 hectáreas carbonizadas até o momento.

Aliás, unhas 6.500 persoas tiveron que ser evacuadas das súas vivendas para fuxir do lume en lugares como Leiria, Faro, Peneda-Gerês ou Setúbal.