Estabilizado o incendio de Verín que atinxiu 1360 hectáreas

Imaxe: @briflaza

A Xunta desactivou o nivel dous de alerta ao non existir xa risco para as vivendas e o operativo prevé extinguir o lume, que fica controlado, nas próximas horas.


O peor incendio en Galiza no que vai de verán está estabilizado desde a noite desta sexta feira. A Xunta de Galiza desactivou o nivel dous de alerta ao se considerar que xa non existe perigo para as vivendas nas inmediacións do lume, na parroquia verinesa de Villamaior. A investigación en curso, en mans de axentes forestais e mais da policía autonómica, apunta a que se tratou dun lume provocado. Esta tese é asumida pola Consellaría de Medio Rural, quen por boca da súa titular, Ángeles Vázquez, denunciou a “idoneidade” do lugar escollido polos incendiarios e a existencia de lumes anteriores en zonas próximas. O monte afectado xa fora obxecto de varias reforestacións. Nas últimas horas producíronse dúas identificacións no marco da investigación aberta. O incendio que provocou o desaloxo de dúas centas persoas e o fechamento da A-52 e a N-525, xa reabertas, iniciouse a primeira hora da tarde de onte

 

O lume está controlado mais non completamente sufocado, algo que os medios de extinición agardan lograr nas vindeiras horas. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Rural, achegáronse até Viladervós onde as vivendas foron albo da ameaza do lume que finalmente non logrou afectalas. Arredor de setecentos efectivos participaron do operativo contraincendios de maior dimensión deste verán. O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, denunciou a insuficiencia de medios para enfrontar o lume nas primeiras horas. O rexedor demanda que se estude a posta en marcha dun sistema de “intervención inmediata” que evite a propagación dos laspas. Desde o BNG urxiron o goberno galego a reforzar os medios do operativo antiincendios co obxectivo de evitar un “agosto negro” na provincia de Ourense, en palabras da deputada nacionalista, Noa Presas. En Marea anunciou que interpelerá a Xunta no Parlamentoa respeito da eficacia do operativo despregado e a CIG demandou unha nova política forestal.

 


Outros lumes

Canda o de Verín, a xornada de onte rexistrou outros tres lumes. O primeiro na parroquia de Damil, en Xinzo, consumiu 20 hectáreas de monte. En Lobios as lapas arrasaron con 35 hectáreas, entrementres na parroquia de Toldaos, en Pantón, eran máis de 20 as hectáreas afectadas.