Permanecen estábeis, un con prognóstico moi grave, dous dos feridos na explosión de Ordes

Aspecto no que quedou a vivenda de Ordes por mor da deflagración. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Dous homes, de 88 e 68 anos, permanecen ingresados con feridas de diversa gravidade.

Os dous homes que permanecen ingresados após a explosión de gas nunha vivenda de Ordes (comarca homónima) continúan estábeis, malia que un deles, o home que sufriu queimaduras de terceiro grao na metade do corpo, o que residía no domicilio no momento da deflagración, segue aínda en estado moi grave.

Así o notificaron na mañá desta quinta feira fontes hospitalarias citadas pola axencia Europa Press. No caso do home de 88 anos ingresado na Unidade de Queimados do Chuac da Coruña, está "moi grave" após sufrir queimaduras de terceiro grao en até 45% do seu corpo. E o de 68 anos ingresado no Hospital Clínico de Santiago, fontes hospitalarias precisaron que está "estábel dentro da gravidade".

En total, catro persoas resultaron feridas, unha delas un menor de 11 anos dado de alta no momento e outra persoa atendida nun centro sanitario de Ordes, após a explosión que se produciu no primeiro piso do número 24 da rúa do Recreo deste municipio.

O suceso provocou tamén numerosos danos materiais ao derrubarse a citada vivenda sobre a estabelecemento hostaleiro situado no baixo, o Café-Bar Lesta, e caer numerosos cascallos á rúa e sobre os vehículos estacionados na zona. Os servizos de emerxencia evacuaron o inmóbel.