VÍDEO NO INTERIOR

En estado moi grave con queimaduras de terceiro grao un dos catro feridos na explosión de Ordes

O edificio no que se produciu a explosión. (Foto: Arxina)
A rúa do Recreo fica repleta de cascallos por mor do incidente, rexistrado no primeiro andar dun edificio cun local hostaleiro no baixo, tamén con importantes danos.

Catro persoas resultaron feridas por mor dunha explosión rexistrada na mañá desta cuarta feira nun edificio céntrico do municipio de Ordes (comarca homónima). A central de emerxencias do 112-Galiza informou hai escasos minutos do suceso, que obrigou a mobilizar un helicóptero medicalizado con base en Ourense, así como profesionais de Urxencias do 061, un equipo de Atención Primaria e efectivos dos Bombeiros Ordes e Betanzos e mais da Policía Local.

A explosión produciuse, concretamente, no primeiro andar do número 24 da rúa do Recreo, xusto enriba dun estabelecemento hostaleiro, o Café-Bar Lesta, que tamén sufiu importantes danos. Polo de agora descoñécense as causas do incidente.

A fachada da vivenda foi derrubada por completo e os cascallos caeron na rúa e mesmo enriba dun vehículo aparcado aos pés do edificio. Tamén se desprendeu parte do chan, que caeu sobre o local situado na planta baixa.

As autoridades confirmaron que son catro as persoas feridas como resultado da explosión. Unha delas un home de 88 anos que tivo que ser trasladado en helicóptero ao complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac). Era quen estaba dentro do piso cando se produciu o incidente.

A el súmase outro home de 68 anos, derivado a un hospital de Santiago, e unha terceira persoa atendida no centro sanitario de Ordes, de acordo cos datos achegados polo 061. E a Garda Civil engadiu un cuarto ferido, un menor de 11 anos que pasaba pola zona no momento da explosión e que xa foi dado de alta.

Como resultado da explosión, a primeira planta quedou esnaquizada por dentro, quedando só visíbeis algúns móbeis e provocando a caída de xanelas, alén de deixar numerosos cascallos na zona, caendo tamén restos enriba de coches aparcados no lugar.

Graves queimaduras

Desde o 112 ratificaron que o home que se atopaba no primeiro piso, onde se rexistrou a detonación, sufriu graves queimaduras. Así o confirmaron tamén fontes hospitalarias do Chuac, onde foi trasladado. Sofre queimaduras de terceiro grao en 45% do seu corpo. Atópase na Unidade de Queimados e o seu prognóstico é moi grave.

Debido á explosión, caeu o tabique do inmóbel e o teito da vivenda derrubouse sobre o bar situado no baixo do edificio, onde se atopaba unha persoa, que foi liberada polos servizos de emerxencia ao quedarlle un pé baixo os entullos. No seu caso, foi derivado ao Clínico de Santiago e, segundo o parte facilitado, está na unidade de coidados intensivos (UCI) con prognóstico reservado.