Antón Losada

"Espero que o diario sexa un xornal que deite luz nesta marea de propaganda"

O politólogo acredita no Sermos Diario Galego —o proxecto de diario en papel que preparamos para 2019— como unha achega que enriquecería a pluralidade mediática do país, cuxo panorama só ofrece "escoller entre medios de dereitas ou moi de dereitas"

O profesor da USC en Administración Pública, Antón Losada, confía no proxecto dun xornal diario en galego  como "un medio que dea voz e presenza ao pensamento e forma de entender Galiza que ten o nacionalismo". Losada reflexiona, ademais, sobre a importancia de "entre medios de dereitas ou moi de dereitas, poder escoller un medio que o faga todo na Galiza, en galego e pensando no país".

 

O autor de Código Mariano e Los ricos vamos ganando ve a dimensión social do proxecto como un factor indivisíbel do aspecto profesional. "Espero que sexa un medio profesional, e que concretamente dea información e poña enriba da mesa os datos que nos permitan debater mellor que facer coa nosa sanidade, coa nosa educación, coas nosas pensións, coa nosa atención á dependencia... En definitiva, onde gastamos os recursos públicos", explica este docente especializado na xestión pública do Estado do Benestar.

 

"O que quero é xornalistas facendo xornalismo, porque para facer política xa están os políticos"

 

En definitiva, Losada olla cara Sermos Diario Galego coa esperanza de que o proxecto "poña un pouco de luz nesta marea de propaganda de mentiras coa que os medios máis convencionais nos asulagan todos os días cando falan das cousas públicas". Un medio, pois, que sexa "profesional, feito por profesionais e con criterios profesionais". "Estou moi farto de xornalismo que, aparte de facer xornalismo, fai política. O que quero é xornalistas facendo xornalismo, porque para facer política xa están os políticos", conclúe.