Esperanza e Oliveira, os nomes das embarcacións da IV Flotilla da Liberdade

[ Imaxe : Uhintifada Hala Bedi ]

Amal e Zaytun serán os buques que partirán rumo a Gaza en setembro. 

A IV Flotilla da Liberdade xa ten nome para as embarcacións que comporán a expedición coa que a coligazón internacional visa rachar o bloqueo imposto á Faixa de Gaza. Serán Amal (Esperanza) e Zaytun (Oliveira), propostos popularmente no concurso lanzado por Freedom Flotilla por Anam El-Jabali, dos EUA e o canadense David Heap, segundo informou a organización. 

Foron achegadas 160 propostas, entre elas o nome de Rosalía de Castro 

A escolla destes dous termos tivo por obxecto procurar dúas palabras con tradución a todas as linguas que, aliás, fosen nomes de muller. 

No concurso participaron 160 propostas entre elas a enviada desde Galiza que instaba a denominar unha das embarcacións como Rosalía en lembranza á poeta e feminista galega. 

A Flotilla partirá no mes de setembro desde algún punto do Mediterráneo camiño de Gaza. 

Declaración institucional

Esta cuarta feira (11 de maio) e coincidindo coa conmemoración da Al-Nakba (O éxodo) que ten lugar o 15 de maio o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade unha declaración institucional a instancias de BDS-Galiza na que reclama á "comunidade internacional o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas" e o "respecto absoluto dos dereitos humanos" nos territorios palestinos ocupados polo Estado de Israel. Aliás, sinala que Galiza "non escatimará esforzos" en "construír unha orde internacional xusta baixo o respaldo da legalidade".