BDS e a Marcha Mundial das Mulleres na Galiza súmanse á Women's Boat to Gaza

Presentación Mulleres Rumo a Gaza [Imaxe Pilar Aymara]

Ambas as dúas organizacións desenvolverán actividades no país coincidindo coa IV Flotilla da Liberdade.

Representantes da campaña Boicot Desinvestimentos e Sancións contra Israel (BDS) e a Marcha Mundial das Mulleres na Galiza presentaron a campaña Womens's Boat to Gaza esta segunda feira (19 de abril) en Compostela. 

A IV Flotilla da Liberdade partirá no mes de setembro desde o Mediterráneo

Ambos os dous colectivos quixeron amosar o seu apoio á IV Flotilla da Liberdade cuxo obxectivo será rachar o bloqueo imposto por Israel contra a Faixa de Gaza e defender o fin da ocupación israelita de Palestina. A campaña de solidariedade internacional partirá no mes de setembro e sairá, probabelmente, do Mediterráneo, embora o porto de saída ser aínda unha incógnita entre outras cuestións por razóns de seguridade. 

Na comparecencia de imprensa participaron a xornalista árabe, Asraa Azzam, a integrante da Marcha Mundial das Mulleres, Ximena González e Ana Miranda, quen o pasado ano fixo parte da tripulación do Marianne, o buque insignia da III Flotilla da Liberdade, interceptado polo exército israelita a poucas millas da costa de Gaza. Durante a comparecencia Miranda relatou a experiencia vivida durante a detención da tripulación que compuña o Marianne e que relatara na altura en conversa con Sermos Galiza. 

Un barco con nome Rosalía 

Entre as iniciativas lanzadas polo movemento de solidariedade galego con Palestina con motivo da Flotilla da Liberdade está a proposta de que unha das tres embarcacións que compoñen, a priori, a campaña leve o nome de Rosalía de Castro como exemplo da "loita feminista galega", explicou Ana Miranda. Aliás, diversas actividades levaranse a cabo nos vindeiros meses en distintos puntos do país para pór o foco na situación que atinxe o pobo palestiniano, nomeadamente en Gaza, mais tamén a respeito da que viven as mulleres. 

BDS-Galiza e a Marcha Mundial das Mulleres propuxeron que unha das embarcacións leve o nome de Rosalía de Castro

"Este ano trátase de centrar a loita nas mulleres palestinas que non só enfrontan ataques do estado asasino de Israel senón a discriminación e o patriarcado", apuntou Ximena González. 

Así, as actividades comezarán o 24 de maio, Día da Paz e o Antimilitarismo con "accións de rúa" en Ourense, A Coruña, Vigo, Ferrol e Compostela. Asemade, ao longo da primeira semana de maio decorrerán charlas en Ourense (6 de maio), Compostela (26 de maio) e Ferolterra (24 de maio) nas que "poderemos afondar na situación das mulleres palestinas" mais tamén na maneira en que estas "organizan a resistencia" e a loita pola súa emancipación. Como convidadas participarán no Festival das Brétemas de Ponteareas onde presentarán a campaña Women's Boat to Gaza. 

Neste senso, BDS e a Marcha Mundial das Mulleres agardan "que se unan máis colectivos e grupos" á iniciativa internacional e que ao almanaque de actividades se vaian engadindo novas propostas.