“O esperábel é tardar 45 días en reducir o número de persoas infectadas a cero”

Persoal sanitario (Europa Press)

Un grupo de investigación formado por especialistas das universidades de Santiago, Vigo, Aveiro e o CSIC empregou unha metodoloxía semellante á das enquisas electorais para ditaminar o alcance da pandemia.

Un modelo matemático realizado no mes de febreiro por un equipo de investigación formado polo catedrático de Análise Matemática da USC, Juan José Nieto, e os investigadores Iván Area da Universidade de Vigo e Delfim Torres da Universidade de Aveiro, previron que o punto de inflexión da pandemia da COVID-19 na Galiza sería nesta primeira semana de abril. Os feitos déronlles a razón.

“Fomos quen de modelizar tanto o número de persoas infectadas como o de persoas falecidas, que é unha cuestión dunha altísima complexidade", aseguran. Daquela lembran que "ao comezo ninguén tomou en serio as nosas predicións".

A este equipo incorporáronse o catedrático de Electromagnetismo da USC Jorge Mira máis Luís Seoane, investigador do CSIC. Nas súas últimas análises procuran determinar o alcance real do coronavirus e o seu posíbel final.

O seu método emprega unha metodoloxía semellante á das enquisas electorais e basearíase na análise semanal dunha mostra aleatoria simple da sociedade galega para obter “unha fotografía moito máis exacta do alcance da pandemia” que permitiría “saber quen padece a enfermidade e quen a superou, incluso de xeito asintomático", afirman.

Para realizar este estudo terían que contar con datos de tests que agora mesmo non se están facendo. “Pensamos que é algo que si que se debería valorar cando cheguen, analizar quen a tivo e quen a ten", aseguran.

O final da pandemia

Na situación actual desde o grupo de investigación alertan que "non podemos pasar do confinamento á festa dun día para outro, ten que ser progresivo e tentar evitar que se produzan novos brotes internos".

A diferente situación da pandemia no noso país débese, segundo este grupo de investigación “á nosa xeografía e as dificultades de comunicación históricas que xogaron ao noso favor”. A situación de “illamento” aproveitárona os equipos médicos e comezou o confinamento “antes de ter unha propagación masiva polo que os casos de UCI foron chegando pouco a pouco”, explican.

Unha das conclusións do seu traballo, polo tanto, foi evidenciar que hai diferenzas na propagación entre distintos territorios, fundamentalmente derivadas das chamadas condicións iniciais.

Na súa investigación apuntan unha proposta de escenario na que viviremos sen pandemia.  "A velocidade na subida é moito maior que no descenso”, explican, “son curvas asimétricas” polo que “se tardamos 25 días en atinxir o número máximo diario de persoas infectadas, o esperábel é tardar 45 días desde ese máximo en reducir o número de persoas infectadas a cero", aseguran.

En todo caso cren que "o final da pandemia non chegará até que pasemos moitos días sen ter novas persoas infectadas e iso aínda está moi lonxe”. Son partidarios de non permitir pronto reunións de máis de 40 ou 50 persoas para ter certo control no caso de que comece un novo brote.

Preparase para outras situacións

Este grupo de investigación alerta que "este virus aínda non foi o virus”. Consideran que non temos datos “suficientemente fiábeis como para saber que pasou”. Aseguran que “algún día teremos un problema moito máis intenso que teremos que resolver, e esa información é vital de cara a poder frear outras pandemias", aseguran.

O peche de territorios ou zonas concretas funciona, segundo estes investigadores. "Pechar fronteiras si que é un xeito de contención, basta ver os datos de Rusia, se ben habería que saber canto de certos teñen; ou comparar os datos da Rusia cos dos Estados Unidos", advirten.