As especies exóticas fanse fortes na costa

Voluntarios de Adega recollen 'Carpobrotus edulis' na praia de Baldaio. (Foto: Adega)
A asociación ecoloxista Adega sinala que o cambio climático é un "aliado" para as invasoras na Galiza, pois poderán prosperar tamén no interior onde até o de agora o clima é menos cálido ao longo de todo o ano.

A asociación ecoloxista Adega iniciará hoxe mesmo unha campaña de "localización e identificación" de especies exóticas invasoras na praia de Baldaio, en Carballo, dentro dun programa impulsado polo Concello que leva xa tres anos en funcionamento.  

A iniciativa, da que tamén participan o Grupo Naturalista Hábitat e a asociación Senda Nova -cada un coas súas tarefas-, ten o obxectivo de eliminar esas plantas que gañaron terreo á flora autóctona sen ser convidadas. Esa segunda actuación de retirada (o día 30 de xullo) non é a primeira que realiza Adega, xa non en Carballo senón en toda a Galiza.

Cal é a situación real das invasoras no territorio galego malia que o elemento chegado do exterior que ten máis identificado a poboación é o eucalipto? O coordinador de educación ambiental da organización, Ramsés Pérez, alude a unha ameaza á biodiversidade tanto por parte da flora como da fauna.

Dos animais está o exemplo do "mapache, que é un depredador", a velutina -que ten máis "afección á saúde e por iso importa máis"- e o das "tartarugas de orellas vermellas que compiten contra o sapoconcho europeo, que é a especie autóctona e o réptil máis ameazado da Galiza, España e Europa". De feito, Pérez enumera: só queda poboación en Allariz, Ribadavia, Maceda e nas augas do Louro. E todo porque lle rouban espazos para estaren ao sol e porque lles contaxian enfermidades. 

Malia este capítulo, Adega centraliza os seus maiores esforzos na fauna. Neste sentido, o experto advirte de que as especies exóticas invasoras chegan a "todos os ecosistemas terrestres e acuáticos" polo que existen en todo o país. 

Acostuman verse máis no litoral porque "hai máis densidade de poboación e máis lugares deteriorados e infraestruturas" e eses espazos naturais que moitas persoas consideran "degradados" fan que xurdan plantas como a herba da pampa

Aliás, "boa parte das especies proceden de climas máis cálidos e por iso prefiren a costa". En consecuencia "teñen un aliado no cambio climático e se até agora non supuxeron un problema, os cambios na temperatura van facer que prosperen mellor en toda a Galiza". Pérez trasládase até Manzaneda para recordar que hai unha zona con Cortadelia -plumeiros- "que en 20 anos nin medrou nin foi abaixo porque lle custa adaptarse aos invernos fríos", pero a biodiversidade correrá un maior perigo co quecemento do planeta. 

Formación para que a cidadanía sexa consciente 

Entre a fauna invasora poden atoparse, estudando o exemplo de Baldaio, a margarida africana, a cana, a unlla de gato, a crocomia, o leste de Asia, a capuchina, a cala ou o plumeiro. Polo tanto, Pérez considera importantes accións de voluntariado como a que inicia Adega hoxe porque é importante "ensinarlle á xente" cales son e como actúan as especies invasoras. Como curiosidade, destaca que no pasado o propio Ministerio de Fomento plantou unlla de gato porque cubría todo, termando de noiros e area, "pero desprazaba as especies autóctonas" e danaba o ecosistema dunar, no que a "area ten que estar libre". 

No camiño da entidade para intentar mudar o dano á biodiversidade están a fixar "esforzos onde aínda poden supoñer un beneficio para a flora ameazada" como na praia do Rostro, en Fisterra.

Recollida de plásticos na lagoa e na area de Baldaio, en Carballo

Outra das actividades que leva Adega dentro da iniciativa municipal é a recollida de plásticos, microplásticos e lixo da praia de Baldaio e da lagoa. O coordinador de educación ambiental da asociación, Ramsés Pérez, asegura que calquera se sorprendería co que sae porque "é brutal". Este tipo de produtos que acaban no mar son unha ameaza para os ecosistemas, pois poden matar baleas ou tartarugas. A inscrición para participar o día 17 de xullo está aberta no 981 570 099 ou no correo electrónico inscricion@adega.gal.