Opinión

Catálogo galego de especies exóticas e invasoras

Que significado ten o zunido das abellas na colmea?


Que significado ten o zunido das abellas na colmea? Sérvelles para se comunicar unhas coas outras?, escrevía Saramago. As abellas comunícanse de certo, e mellor que os seres humanos sen GPS, malia que os nosos pesticidas estean fomentando a súa incomunicación e malia a traxedia que iso trae para o xa castigado planeta. Quen mata un abellón ten cen anos de perdón. Quen mata unha abella ten cen anos de pena.

Conta Lévy-Bruhl no fermoso livro titulado A ialma primitiva que os bantús do Kilimanjaro crían que a árvore no que o gran fazedor do mundo pendurava as colmeas tiña a meirande importancia. Até o ponto que estabelecían un vencello entre a raza da árvore e a do home.

Quizais que Antoine de Saint-Exupéry, que gostava de sobrevoar Africa na súa avioneta, inspirouse en todas estas crenzas animistas primitivas que fazían das árvores seres sagrados. Tanto Jean Giono en O home que plantaba árvores como a finada premio nobel da paz, Wangari Maathai, a nai das árvores, tiñan nas culturas primitivas a súa herdanza ancestral. Outro premio Nobel, Tagore, aló na India, aconsellava que a mellor escola era a que respirava á sombra dunha árvore. E na Rusia, o pedagogo da escola de Yasnaia Poliana, Tolstoi, pensava outro tanto, deixándonos aquela apoloxía contra a cobiza capitalista titulada Canta terra precisa un home?

Foi a Igrexa, como primeira transnacional dos mercados e a gran intermediaria, a primeira que crebou os fíos espirituais e materiais entre o home e a natureza

Até a chegada do capitalismo non mudou o valor da terra, que pasou entón a ser unha mercadoría con valor de cambio máis ca unha herdanza do clan con valor de uso, como era até fins do feudalismo. Coa especulación urbanística e a explotación industrial da terra tanto na agricultura como na minería e demais recursos que ela aporta, crebouse un xeito de vivir no que os humanos estavamos ligados á natureza e comunicavámonos direitamente con ela. Foi a Igrexa, como primeira transnacional dos mercados e a gran intermediaria, a primeira que crebou os fíos espirituais e materiais entre o home e a natureza. Curiosamente relixión vén de religare, volver a ligar. Os povos antergos pedían permiso mediante oracións e rituais diversos, aos espíritos da natureza, das árvores neste caso, cando os tiñan que talar, ou cando os queimavan por necesidade. Os bosques tiñan para eles un principio de vida sagrado, o tapu que chamavan os maorís. Cando precisavan unha árvore para fazer unha canoa, se cadra, había un rito de desagravio pois tíñanos como totems ou seres maiores pertencentes á súa propria familia. Escoitavan voces de seres invisiveis no susurro das ponlas, no marmurio do vento, no ruido das augas ao se precipitaren. Era o bosque animado do Fernández Flórez. (E quando os bosques susurram não sentimos medo, do João Afonso). Derrubar unha árvore era, daquela, un asunto serio que tiña a ver co destino de toda a comunidade! Crían, como Pedrayo que o que lle pasava á árvore tamén nos ía pasar a nós. Lembremos a araucaria de Trasalba. Lembremos as árvores que apertou por derradeira vez como despedida o avó alentejano de Saramago antes de ir morrer ao hospital. Lembremos que Castelao dizía que os galegos teremos futuro o día que saibamos o que vale unha vaca, unha árvore e un peixe. Se mal non recordo, eses eran os símbolos dos galegos para el. Amosándonos a importancia na economía galega da árvore que nos acompañava dende o berzo ao cadaleito. (Claro que daquela non havía cadaleitos de zinc nin crematorios de obsolescencias programadas para evitar a aglomeración urbanística do alén nos cemiterios privados.)

Lembremos que Castelao dizía que os galegos teremos futuro o día que saibamos o que vale unha vaca, unha árvore e un peixe

Azorín dizía que a paisaxe somos nós. E Lin Yutang, o mestre dos cinco salgueiros, escrevía que a metade da beleza depende da paisaxe e a outra metade de quen a mira. O esquecido Antón Vilar Ponte concordava en que a paisaxe é un estado da ialma e que alén do individualismo capitalista, o mundo vén sendo un feixe de fenómenos solidarios que de cote andan a se renovaren nas miúdas células que nos conforman, a suma de sensacións percibidas durante milleiros de anos...cecais a saudade do eterno retorno da que fala o tolo de Nietzsche, dizía en Pensamento e Sementeira. Un feixe de fenómenos solidarios! Non é esta unha avangarda traída da memoria do pasado?

Pero o mestre da paisaxe é sen discusión Pedrayo. En Sereno e grave gozo fala da evolución da paisaxe galega a traverso da historia. O maquinismo e o século das luzes non trouxo máis iluminación cá do petróleo ou o gas portátil, símbolo de progreso, pois que os pobres tiñan que se conformar, como hoxe, coas candeas ou coa graxa das baleas e semellantes. Logo viñeron as estradas a matar as corredoiras para levar os sufraxios e as contribucións ás Castelas e aparcármonos as súas leis nas nosas leiras. E veu a escola, como di Pedrayo "a traballar cun senso de lóxica e claridade no brumento ser galego das campiñas como colonos puritanos na verde floresta americana". E aló foise para sempre a néboa que paría pantasmas agás nalgúns tramos de lucrativas autovías. E aló foise para sempre ese "labrego coidadoso de pechar con dozura as portas para non mancar as ánimas. Como todo o que cheirase a rural era de contado asimilado como antiprogreso ou atraso, así morreu por suicidio inducido un modo de vida natural e livre de tutelas estatais capitalistas. O mellor exemplo foi o roubo do monte comunal e a súa conversión en estatal polo governo franquista. Irritavan, di Pedrayo, até os soportais de Compostela e as campás. O progreso como colonialismo urbano e latifundista nun país de minifundios axeitados ao feitío da terra galega. Deveu de ser cando aquel alcalde de Lugo quixera botar abaixo a muralla romana por tela como un atraso para o desenvolvemento da cidade bimilenaria. Ai, se resucitara hoxe para ver a festa do Arde Lucus! A calada dramática do espírito no progreso fuxidío e cementado da cultura urbana! O eterno conflicto aínda non resolto entre o campo e a cidade, entre dous xeitos de vivir tan arredados! A escravatura do rural a respeito do urbano que se apropia como un imperio coa súa colonia da riqueza sen lle deixar nada a cambio! O silenciado paradigma do decrescimento que ten pechadas todas as cancelas incluso nos prados das esquerdas! Fronte ao paradigma capitalista irracional do crescimento infindo nun planeta finito e case que finiquitado!

Matthew Silverstone amósanos que as árvores teñen impacto positivo na nosa saúde en casos como a depresión, os níveis de concentración, o estrés e algunhas formas de doezas mentais

Todo isto vén a conto de dúas novas que hoxe chegaron a min. Un enlace das redes sociais na que me dan conta de que abrazar as árvores foi oficialmente validado pola ciencia como curativo. Cousa que vimos de fazer os practicantes de Tai Chi hai ben anos. Matthew Silverstone amósanos que as árvores teñen impacto positivo na nosa saúde en casos como a depresión, os níveis de concentración, o estrés e algunhas formas de doezas mentais. Promovendo máis atención e memoria. Tamén atopou que pasar tempo perto das árvores e apertalas quita dores de cabeza. Lembro que miña avoa ía pasear á riveira de Neda cando tiña xaquecas. Nos estudos con nenos dáse unha mellora psicolóxica e fisiolóxica significativa se están involucrados con plantas e árvores. Son máis creativos en entornos verdes naturais (non valen as rotondas pintadas desa cor nin as illas entre estradas atustulladas de carros e terrazas de tascas ás que chaman bulevares). Segundo Marc Berman, os espazos verdes seguros poden ser tan eficaces como os medicamentos en certas doenzas mentais segundo unha investigación da universidade de Stanford. Tomen nota o governo progresista de Ferrol e comecen a política de auténticos espazos verdes!
 
A outra nova que me chegou encol do tema é unha recente sentenza que pode poñer couto ao eucalipto. A Audiencia Nacional ratificou a proibición de plantar Eucaliptus nitens nunha parcela asturiana tal e como pretendía a papeleira Ence. A peritaxe científica foi demoledora: esta especie ten forte carácter invasor e é un risco para a biodiversidade. Sentenza que pode sentar xurisprudencia e axudar a controlar o desastre ecolóxico que supón o espallamento desta especie invasiva que xa empeza a se estender pola alta montaña galega, para o que fora deseñada. 

Os ecoloxistas reclaman a criazón dun Catálogo Galego de Especies Exóticas e Invasoras. E eu - en vendo o panorama de Galiza no que ten a ver non só co ecosistema natural senón tamén co político de cara ás vindeiras elecións xerais-  apoio encarecidamente a criazón dese Catálogo e que non fique todo en papel mollado ou queimado!

Comentarios