Os espazos protexidos non amparan as aves galegas

Eucaliptización masiva do val do rego da Gafa (Abegondo). A diversidade de aves diminuíu na zona. (Foto: C. D. Romay Cousido)
Estudos publicados recentemente evidencian que a Rede Galega de Espazos Protexidos (RGEP) e a xestión ambiental que se realiza dela non son suficientes para garantir a conservación das especies de aves ameazadas da Galiza. 

Estudos publicados recentemente evidencian que a Rede Galega de Espazos Protexidos (RGEP) e a xestión ambiental que se realiza dela non son suficientes para garantir a conservación das especies de aves ameazadas da Galiza. 

Esta é a conclusión á que chega o biólogo Cosme Damián Romay Cousido nuns artigos nos que, xunto con Luis Tapia del Río, realiza unha aproximación ás problemáticas ás que se enfrontan actualmente as aves ameazadas galegas. 

Romay explica, en conversa con Nós Diario, que o estudo trata a efectividade dos espazos protexidos galegos, en relación coa conservación das aves consideradas en perigo de extinción e vulnerábeis na Galiza. Os resultados da investigación mostran que o número de especies que obteñen un "aprobado" en conservación é excesivamente baixo: 7 de 45. Esta porcentaxe, xunto con que catro das especies que suspenden están "criticamente desprotexidas", permítelle a Romay afirmar que a RGEP non protexe de maneira efectiva as especies ameazadas da Galiza

Os resultados afástanse dos obxectivos tanto da RGEP como do Catálogo galego de especies ameazadas publicado en 2007 pola Consellaría de Medio Ambiente da Xunta da Galiza. O estudo pon de manifesto que só dúas das especies teñen aprobados os correspondentes plans de recuperación e de conservación. Romay incidiu na "necesidade de avanzar", tanto na aprobación destes plans para as demais especies protexidas, como en investigación ornitolóxica en xeral. "A nivel galego aínda temos moito por facer", afirmou o biólogo.

A eucaliptización e os eólicos, foco do problema

Romay tamén analiza transversalmente a extensión e intensidade dos problemas de conservación da natureza na Galiza. O biólogo destaca que un terzo do territorio galego está degradado. Esta degradación provoca que as especies de aves xa ameazadas empeoren a súa situación e que as especies de aves comúns estean afectadas de modo crecente. A investigación conclúe que máis dun cuarto das familias de aves da Galiza atópanse "seriamente afectadas", en especial por cambios nos seus hábitats. 

Como orixe dos problemas de conservación das aves ameazadas galegas, sitúan a destrución de hábitats como son as zonas agrícolas abertas, os pastos en extensivo, as matogueiras rasas diversificadas ou as masas de árbores caducifolias maduras. 

Trátase de hábitats en retroceso na Galiza polo abandono da gandaría e da agricultura en extensivo. Porén, Romay destaca de maneira especial nos problemas de conservación das aves a eucaliptización e a instalación de macroparques eólicos. "Hai unha transformación de hábitats cara a un monocultivo de eucalipto", di.

Máis espazos protexidos

Ante a pregunta de se se debería aumentar, en número e en extensión, unha RGEP que actualmente representa 13% do territorio galego, Romay teno claro: "Rotundamente, si", sendo "imprescindíbel" que se cumpran as leis ambientais e que vaian da man dunhas "medidas decididas en favor da protección do medio natural por parte da Administración, sexa estatal, autonómica ou local", sentenciou.