España autoriza o seu primeiro ensaio clínico para unha vacina da Covid-19

O ministro Illa (nunha foto de arquivo) deu conta do ensaio clínico da vacina Ad26. COV2- S.
Tres hospitais de Madrid e Santander iniciarán o primeiro ensaio clínico que se autoriza en España para probar unha vacina contra a Covid-19. Autorizouno a Axencia Española de Produtos Sanitarios, para un estudo que se desenvolverá tamén en Alemaña e Bélxica e que espera resultados nos próximos meses. 

A Axencia Española de Produtos Sanitarios autorizou esta sexta feira o primeiro ensaio clínico para unha vacina fronte á Covid-19 no Estado español, segundo fixo público o ministro de Sanidade, Salvador Illa

Trátase, segundo explicou, da segunda fase, que desenvolve a compañía Janssen, pertencente a Johnson & Johnson, e que tratará de determinar como calibrar a cantidade de dose para xerar a inmunidade, as diferenzas entre administrar unha ou dúas doses do fármaco e o intervalo de tempo que debería pasar entre elas. 

No estudo, que se realizará en dous hospitais madrileños –La Paz e La Princesa– e no Hospital Universitario de Valdecilla, en Santander, participarán 190 persoas voluntarias, sás, de entre 18 e 55 anos, e tamén maiores de 65.

Nesta fase 2 participan 590 persoas procedentes de España, Alemaña e Bélxica.

Na fase 1, o ensaio localizouse nos Estados Unidos e Bélxica, con 1.045 voluntarias, con resultados "satisfactorios", segundo os cualificou Illa durante a comparecencia desta sexta feira, 28 de agosto. 

Como observou o ministro, a entrada do ensaio clínico nesta segunda fase indica "que a vacina xa ten unha eficacia ampla, que significa que ten criterios de seguridade que fan posíbel administrala".

Con todo, advertiu que a participación neste estudo non dá a España ningunha vantaxe no reparto a nivel europeo, que se realizará de forma conxunta en toda a UE. "Pero é un orgullo poder participar, xera coñecemento e recoñecemento á calidade da nosa investigación e ao noso Sistema Nacional de Saúde", considerou.

Estes ensaios clínicos forman parte dos requirimentos que deben levar a cabo todas as candidatas de vacina en investigación para demostrar a súa calidade, seguridade e eficacia.

Os resultados desta segunda fase espéranse para os próximos meses. A firma ten previsto ademais iniciar en breve a fase 3.