O Estado español supera xa os 400.000 contaxios da Covid-19

Os case 20.000 novos casos de coronavirus diagnosticados na fin de semana no Estado español sitúan a cifra por riba dos 400 mil contaxios. Catalunya e Murcia endureceron as medidas de distanciamento físico, poñendo couto ás reunións sociais, eido onde os seus respectivos Gobernos sitúan o principal espazo de contaxio do virus. 
Proba de coronavirus a unha traballadora da sanidade (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Proba de coronavirus a unha traballadora da sanidade (Imaxe: Europa Press)

O Ministerio de Sanidade comunicou esta segunda feira, 24 de agosto, 19.382 novos contaxios de coronavirus no Estado español detectados durante toda a fin de semana.

Os novos datos fan que España supere xa a barreira dos 400.000 casos desde o inicio da pandemia, levando concretamente 405.436, fronte aos 386.054 rexistrados no informe anterior, correspondente á sexta feira.

Madrid continúa a ser o foco máis grande e onde maior número de contaxios se rexistra. Dos 2.060 positivos das últimas 24 horas no Estado, 409 corresponden á rexión madrileña. Con todo, e a diferenza de Executivos como o catalán ou o murciano, o de Madrid evita impor restricións á mobilidade e limítase a recomendar reducir as "interaccións sociais innecesarias" como xuntanzas sociais e familiares. A Asociación para a Defensa da Sanidade Pública de Madrid reclamou "medidas urxentes" ao Goberno de Isabel Díaz Ayuso para loitar contra a extensión do virus, tales como reforzar a sanidade pública e tornar á fase 2 nas zonas máis afectadas. 

En Catalunya, onde se detectaron 84 novos positivos nas últimas 24 horas, o Govern vén de tomar medidas máis restritivas no eido social, que sitúa como espazo principal onde se producen os contaxios. Así, o Executivo de Quim Torra prohibiu as reunións de máis de 10 persoas, tanto no espazo público como no privado, a excepción do transporte e do ámbito laboral. 

A Generalitat pretende frear a curva do virus para en tres semanas, coincidindo coa fin da época das ferias, comezar con maior normalidade o curso escolar e a actividade económica. "Nestas tres semanas xogámonos todo o que pode pasar no outono ou no inverno", dixo Torra.

Tamén o Goberno murciano puxo o foco nas reunións sociais, limitándoas a un máximo de seis non convivintes, após detectar nas últimas 24 horas 221 novos positivos. A pesar de estar por debaixo da media do Estado, Murcia toma esta medida ao seu Executivo asegurar que a maioría dos contaxios notificados prodúcense en bares, locais de ocio e casas familiares. 

Comentarios