De esnaquizar monumentos de vítimas do franquismo a agresións físicas: pequeno mapa da violencia da ultradereita en Galiza

En outubro de 2017 foi atacado en Volta da Moura, Tui, o monumento que homenaxea as veciñas e veciños asasinados polo franquismo

A agresión a un mozo en Pontevedra por levar unha camisola coa bandeira nacionalista galega sitúa en primeiro plano a existencia no noso país dunha violencia da extrema dereita, de diferentes intensidade e obxectivos, que sen ser cotiá mantense no tempo.

Non son contínuos mais habelos, hainos. Os ataques da extrema dereita en Galiza nestes anos abranguen diferentes niveis e obxectivos: desde a pintada antifeminista sobre un mural que defende o dereito ao aborto até a agresión física a un rapaz por levar na camisola unha bandeira nacionalista galega, as ameazas a un concelleiro comunista ou a tentativa de queimar un local social independentista. Ataques que permiten percorrer as particulares fobias da extrema dereita española: nacionalismo, esquerda, feminismo ou memoria histórica.

 

As pintadas e ataques a murais con mensaxes soberanistas, feministas ou antifascistas son relativamente frecuentes: por citar só algunhas localidades onde se deron estas accións, Bueu, Pontevedra, A Coruña, Ourense, Vilaboa ou Vigo. Nelas tipo de murais amencían luxados con esvásticas, bandeiras españolas, simboloxía fascista varia, ameazas e insultos.

 

Mais as pintadas non se circunscriben aos murais. En febreiro de 2015 pintáronse esvásticas e puntos de mira na sede do BNG en Caldas de Reis e en xuño deste ano unha cruz gamada foi pintada na casa do portavoz nacionalista en Soutomaior. Non só o nacionalismo é albo destas accións: en marzo de 2017 Esquerda Unida (EU) denunciaba en Comisaría as pedradas ás xanelas da súa sede en Ferrol das que penduraba simboloxía feminista. En 2015 o daquela deputado de AGE e concelleiro de Esquerda Unida en Vilagarcía. Juan Fajardo, sufriu varios ataques que non dubidou de cualificar como "fascistas": entre eles, pintadas feitas con sprai de "Mierda comunista" no seu vehículo, na porta da súa casa e na dunha familiar.

 

Entre outras agresións, nestes anos foron atacadas sedes do BNG ou Esquerda Unida, boicoteadas con pintura exposicións sobre o movemento obreiro e ducias de murais, arrincadas placas en memoria de asasinadas polo franquismo e mesmo intentaron incendiar un local social en Vigo

 

O 21 de maio a exposición A forza necesaria, centrada na historia do movemento obreiro e sindical da Coruña, apareceu boicoteada con pintadas fascistas. A mostra a ceo aberto promovida polo Concello reúne unha selección de 150 imaxes en paneis de gran formato, obra do deseñador Pepe Barro, que apareceron cubertas con mensaxes como “No al comunismo” o “A Paracuellos”.

 

Contra as vítimas do franquismo

 

A memoria das vítimas da represión franquista é un dos albos preferidos da extrema dereita en Galiza. Aí está o ataque ao monumento á memoria das persoas represaliadas do Morrazo na Cruz de Maceira, que apareceu en agosto de 2014 pintado coa bandeira española e a aguia imperial e a lenda “los perdedores fuera de España”. As pintadas foron realizadas o día despois da celebración dun acto de exaltación falanxista na Igrexa vella de Marín.  Non foi este o único caso, en outubro de 2017 foi atacado en Volta da Moura, Tui, o monumento que homenaxea as veciñas e veciños asasinados polo franquismo. Esnaquizaron a placa que lembraba as vítimas e botaron pintura verde sobre os nomes das persoas asasinadas. 

 

En febreiro de 2011 a Asociación Viguesa pola Memoria Histórica denunciaba a aparición de “pintadas fascistas” na placa do cemiterio de Lavadores de homenaxe a represaliados polo franquismo. “Non é a primeira vez que acontece”, denunciaban desde este colectivo.

 

En xullo de 2007, e por terceira vez en menos dun ano, foi atacado en Cerdedo o  monumento dedicado a Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias, traballadores e militantes da CNT asasinados o 13 de agosto de 1936. Desta volta arrincaron a placa en lembranzados asesinados.

 

Locais sociais

 

Os locais sociais tamén teñen sido obxecto de ataques. En 2013 persoas descoñecidas atacaran en Pontevedra o local social A Revira, enchéndoo de pintadas como "Fuera separatistas" ou "Galicia es España". En xuño de 2017, en Ferrol e tan só horas despois de que BNG e Fundaçom Artábria propuxesen que se recuperase o nome lexítimo e tradicional, Porta Nova, fronte á denominación posta no franquismo, Praza de España; era atacado con pintura un mural situado perto de Artábria e dedicado ás Irmandades da Fala.

 

Un dos ataques máis graves tivo en xuño de 2012 en Vigo, cando un grupo de descoñecidos rachou a cristaleira do local social A Revolta (daquela na zona vella) e deitaron no interior líquido inflamábel, ao que prenderon lume. O incendio foi sufocado por veciños e veciñas evitando males maiores mais as lapas afectaron a boa parte do material que había no local.

 

En xaneiro de 2008 a porta do Ateneo Ferrolán, Ferrol, foi danada por un incendio provocado. Dede o propio Ateneo sospeitaron que o lume respondía a unha intencionalidade política ou ideolóxica, concretamente, da extrema dereita. Máis recentemente, en xullo de 2016, o Ateneo Libertario Xosé Tarrío da Coruña alborecía coa súa fachada pintada con esvásticas e unha das frases de orde da extrema dereita española: "José Antonio, ¡presente!

 

Agresións

 

O mozo agredido en Pontevedra por levar unha camisola coa bandeira galega coa estrela vermella non é a única agresión física protagonizada pola ultra dereita española no noso país: en maio de 2016 un mozo denunciou que foi agredido na Coruña ao berro de “Arriba España”. Precisou asistencia sanitaria e cirúrxica. 

 

A finais de 2017  un veciño de Santiago de Compostela encontrou escrito nun lateral do seu coche “Viva España” e o parabrisas traseiro roto en anacos, do que conservaron un fragmento que levaba un autocolante coa bandeira da Galiza.