Agredido por levar unha camisola coa bandeira nacionalista galega

“Eu non paraba de pensar que me ían dar unha malleira que non ía contar”

IMG-20181207-WA0003

Pablo B. relata a Sermos Galiza a agresión que sufriu nas rúas de Pontevedra, que Galiza Nova cualifica de ‘fascista’.

-Como foi a agresión?

 

-Eu ía para casa pola zona vella de Pontevedra e levaba a sudadeira aberta. Víaseme a camisola que puña ‘Galiza’ [por debaixo do nome do país aparecía a bandeira galega coa estrela vermella]. Baixaban cinco rapaces e eu escoitábaos gritar, pero como non sabía o que estaban a dicir, pasei deles. Pero de súpeto botáronse a correr cara a min berrando que isto era España e que non podía levar esa camiseta. Entón empezaron a darme patadas e se non é pola xente que pasou por aí nese momento eu non sei que sería de min. Eu non paraba de pensar ‘se caio ao chan, vanme dar unha malleira que igual non a conto’. Logo a xente que pasaba por aí metéronse no medio e os rapaces marcharon. A verdade é que eu non os coñecía de nada, só sei que tiñan uns 20 ou 25 anos.

 

-Tiveches antes algún problema deste tipo? Ou coñeces a alguén que o tivese?

 

-Nunca, é a primeira vez que me pasa. E non vin ningunha situación así nunca, pero faloume un amigo meu que agora vive en Vigo, pero resulta que hai uns meses estaba aquí en Pontevedra e tamén o agrediron. Comentáronme igual doutro rapaz que hai  uns anos tamén aquí lle deran unha paliza por ser galeguista.

 

-Pensas que estas agresións teñen algo que ver coa emerxencia de forzas políticas de ultra-dereita como Vox?

 

-Se che digo a verdade, non o penso. Penso que sempre houbo fascismo. O que si que creo é que están amparados polo Estado. Por exemplo, se fose eu o que agredise unha persoa fascista ou de dereitas sairía en todos os xornais e dirían que fun a por eles pola súa ideoloxía. Pero ao ser ao revés, eles sempre están amparados pola lei. Vas á policía e vale, denúncialos, pero non van a por eles. E en Pontevedra saben quen son, saben as cousas que fan. Por exemplo, puxemos un mural de Galiza Nova aquí en Pontevedra e pintáronolo enteiro. Eu penso que estas cousas empurran un pouco que agora comece outra vez a emerxer o fascismo, por partidos coma o de Vox, pero o fascismo sempre o houbo e nunca vai deixar de existir.