Esculca volve esixir explicacións ao Concello coruñés sobre o operativo da Insumisa

insumisa

O observatorio rexistrou unha nova solicitude de información sobre as actuacións policiais no despexo do pasado mes de maio

Na pasada terza feira 7 de agosto, o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades, EsCULcA, apresentou unha petición de información ao Concello da Coruña a respecto do operativo policial despregado no despexo do pasado mes de maio nas instalacións da Comandancia de Obras. Segundo a entidade, o informe do Concello sobre a actuación sobre a sede do centro social autoxestionado A Insumisa aparece “incompleto e mesmo incoherente”.

 

Esculca fai referencia á resposta recibida da Administración local no pasado xuño a unha solicitude previa do propio Observatorio –rexistrada o 23 de maio–. No documento non consta ningunha autoridade ou funcionaria asinante e o informe da Xefatura da Policía Local anexo –asinado polo Xefe Accidental deste corpo– amosa “falta de precisión e mesmo certas incoherencias que entende deben ser esclarecidas para evitar interposición de recurso perante o Consello de Transparencia e Bo Goberno”, apuntan desde a entidade.

 

O regulamento que amparaba o operativo

 

É por este motivo que o Observatorio insiste nesta solicitude de información, na que tamén pide unha copia do Regulamento de Organización Interna e Funcionamento da Policía Local da Coruña –datado na década dos 80– que o informe inicial recoñece. Asemade, o executivo local recoñece na súa resposta de xuño que non existen “instrucións operativas” para a utilización de defensa, sprays de autodefensa e outros, mais si sinala que os corpos policiais portan “defensas extensíbeis” en operativos que se estimen oportunos.

 

Ao fío disto, EsCULcA solicita saber a que seccións pertenecen os axentes locais que portaban estas defensas extensíbeis, así como que órgano local estimou necesario o seu uso. Porén, á vista de que o informe parece sinalar que non houbo instrucións operativas escritas, o Observatorio demanda unha "transcrición da petición telefónica con expersión da hora e identificativo do telefonema" relativa a tal operativo. A entidade bota man da lei de transparencia para presionar o Concello á hora de suministrar dita información, e advirte que no caso de denegala, deben ser ditadas as causas para tal negativa.