Esculca mostra a súa preocupación pola limitación “ilexítima” que se fai do “dereito fundamental” de manifestación

Vigo, onde este 1 de abril había convocada unha manifestación.

Perante a prohibición dunha caravana da CUT e as multas a sindicalistas da CIG por se concentrar.

O dereito de manifestación é un dereito basilar de todo sistema democrático e cuxa limitación só pode decretarse en casos extraordinarios. Lembrao o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades Esculca, que quer mostrar a súa “preocupación” perante dous feitos recentes: “a decisión da Subdelegación do Goberno de Pontevedra de prohibir unha manifestación programada para o día 1 de maio na cidade de Vigo” pola CUT, “e as manifestacións vertidas pola mesma Subdelegación en que cualifica de “irresponsábel” outras concentracións levadas ao cabo” pola CIG. Para Esculca, estamos perante “unha limitación ilexítima dun dereito fundamental”.

Neste sentido, aponta que “nin a Constitución, nin a Lei Orgánica que regula o estado de alarma, nin o Real Decreto polo cal se declara este outorgan base xurídica para a prohibición”. Ou sexa, conclúen,a regulación xurídica do estado de alarma protexe o dereito de manifestación.

Poñen o exemplo doutros Estados, como Alemaña, onde p propio Tribunal Constitucional declarou que o estado de alarma “non pode servir de escusa para limitar o dereito de manifestación, e noutros países as autoridades teñen permitido diversas manifestacións”.

Engade o Obesrvatorio que as autoridades públicas poden esixir ás persoas organizadoras e participantes que cumpran estritamente coas medidas sanitarias precisas para evitar os contaxios. Medidas que tanto a manifestación da CUT indicou queía cumprir como as concentracións da CIG respectaban.

O dereito de manifestación, indica, non está sometido a autorización por parte dos poderes públicos a a súa comunicación previa á autoridade só se realiza co obxectivo de garantir a orde pública no decorrer da mesma.