Esculca esixe ao Concello da Coruña información sobre o despexo da Insumisa

Carga policial durante o despexo da Insumisa. Foto: cedida.

O Observatorio de Dereitos Civís Esculca vén de esixir información ao Concello da Coruña sobre as actuacións policiais no despexo do centro social okupado A Insumisa o 23M.
 

Nun escrito rexistrado nas oficinas municipais, o avogado Fernando Blanco Arce pide explicacións polos feitos protagonizados pola Policía Nacional e mais pola Local. Esculca quere revisar o vixente regulamento de funcionamento e organización da Policía Local da Coruña e mais a data e o órgano de aprobación do mesmo. A asocación ten especial interese en coñecer as instrucións ou regulacións sobre o uso de “bastóns policiais extensíbeis”.

 

O observatorio tamén solicita outra información sobre a actuación da Policía Local referida ás “normas operativas ou regulacións internas en materia de defensas de goma ou semellantes e de esprais de defensa”, ademais de copia da “instrución operativa interna impartida pola concellaría competente” para aquela xornada que acabou con varios contusionados e feridos polas cargas policiais.

 

Esculca, a través de Blanco Arce, precisa que non existe causa de restrición á información solicitada e que esta resulta necesaria para o desenvolvemento do labor de recompilación de dados que leva a cabo o Observatorio”.