Prisión por sedición e atentado para un dos detidos polo despexo da Insumisa

Imaxe: @gzcontrainfo

Está acusado de tres delitos que suman 15 anos de cárcere. A outra persoa detida ficou en liberdade.

Dúas persoas foron detidas esta terza feira, 19 de xuño, na Coruña por axentes da policía española en relación ao despexo o pasado 23 de maio do CSO A Insumisa na Coruña. A xuíz decretou o ingreso en prisión provisional dunha destas persoas, acusada de tres delitos, segundo informa La Opinión da Coruña: sedición, lesións (ambos os dous agravados polo uso uso de instrumento perigoso) e atentado.

 

A segunda das persoas detidas ficou en liberdade. Eera sospeitosa de ameazas, desordes públicas e atentado, tamén en relación ao día do despexo do centro social okupado coruñés.

 

Esta detencións decorreron tres semanas despois dos feitos, nos que houbo cargas policiais que deixaron varias persoas feridas.

 

Hai convocada unha manifestación para esta sexta feira, 22 de xuño, contra a represión a activistas polo desaloxo do CSO A Insumisa. Sairá da coruñesa Praza de Pontevedra ás oito da tarde.

 

Desde o goberno local da Coruña informan que o Concello "nin presenta denuncia nin solicita condenas para ningunha das persoas identificadas nesa xornada".  A través dun comunicado nas redes sociais, afirma que "a Policía Municipal non ten formulado denuncia polos incidentes acontecidos durante a xornada do día 23. Este corpo, seguindo o procedemento habitual en casos de situacións con persoas feridas ou con indicios da comisión dun delito, realizou un informe e deu traslado do mesmo, así como das dilixencias efectuadas, á Policía Nacional. Esas dilixencias nin identifican a persoa ningunha, nin cualifican os eventuais delitos, nin propoñen medidas a adoptar".