EscudoCovid19: a Universidade de Vigo lanza un modelo para a produción de viseiras protectoras

Integrantes do equipo da Universidade de Vigo que fabrica as pantallas protectoras (Imaxe: UVigo)
O director do Centro de Investigacións de Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, José Luis Martínez Lastra, está detrás deste proxecto. Na Galiza trabállase para entregar unha primeira serie de 1.000 pantallas.

José Luis Martínez Lastra é director do Centro de Investigación de Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo. Tamén, desde hai uns días, da iniciativa EscudoCovid19. Un proxecto en rede que traballa a nivel estatal para fabricar pantallas de protección facial destinadas a centros sanitarios, corpos e forzas de seguridade de todo o Estado e máis persoal que traballa para mitigar os efectos da pandemia.

EscudoCovid19 é tamén unha plataforma dixital que pon en contacto as provedoras de materiais e ferramentas, centros de produción e empresas de distribución coas demandantes destas viseiras. Na Galiza estase traballando na actualidade nunha serie de 1000 pantallas que se entregará a comezos da vindeira semana. Cos medios actuais, o proxecto estima unha produción total de até 10.000 proteccións. A universidade apunta que co proceso deseñado “a produción podería estenderse a centos de miles” en todo o Estado.

“En situacións excepcionais como esta, necesítanse solucións diferentes, onde acheguemos valor de xeito rápido e sinxelo. A Universidade de Vigo, como axente xerador e posuidor de coñecemento, está ao servizo da sociedade e neste intre, quixemos contribuír cunha implicación maior e directa a través desta iniciativa”, asegura José Luis Martínez Lastra.

Rede de colaboradoras

Ademais de dar forma a EscudoCovid19, Martínez Lastra coordinou na Galiza o proceso de deseño, produción e loxística desta pantalla facial, man a man con outras investigadoras do campus vigués. Desde os seus primeiros pasos o proxecto contou coa colaboración da Asociación de Industriais Metalúrxicas da Galiza. Asime actúa subministrando o material e contactando ao tecido empresarial galego na procura de máis produtores ou subministros.

Nesta andaina sumáronse na Galiza empresas como Toqueles Galicia, Valver, Dalot ou a portuguesa KPfilms achegando materiais, fabricando ferramentas, producindo as viseiras ou axudando na loxística.