En marcha os 18.000 botes de desinfectante da USC

Enxeñeiras e farmacéuticas traballan xuntas para fabricar o xel desinfectante solicitado polo Sergas (Imaxe: USC)
O profesor do departamento de Enxeñaría Química da universidade, Gumersindo Feixoo, destaca que a universidade pública se poña ao servizo da sociedade "como non podía ser doutro xeito".

Gumersindo Feijoo é profesor do departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela, ademais de vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade. Fala con Nós Diario nun descanso da súa xornada de traballo, antes de xantar e tras desfacerse momentaneamente do seu traxe protector que, di, o fai parecer "un astronauta".

O traxe é preciso para que Feijoo colabore na tarefa de producir, baixo parámetros industriais e seguindo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde, xel desinfectante que será destinado ao Servizo Galego de Saúde. En concreto a universidade producirá 9.000 litros deste produto que distribuirá entre 18.000 botes de medio litro.

"O xabón é un elemento fundamental para lavar as mans, eliminar os virus e así as posibilidades de contaxio", apunta este profesor. Porén, engade, hai doentes sen capacidade para desprazarse até un baño e realizar esta acción tan cotiá e tan efectiva. "Para estes casos o xel é unha solución idónea, pois permite unha maior adherencia e asegura a supresión de virus, bacterias e outros organismos", indica Feijoo.

O xel asegura a supresión de virus, bacterias e outros organismos, di Feijoo

Para producir o desinfectante, a universidade acondicionou unha planta piloto da Escola Técnica Superior de Enxeñaría do campus de Compostela na que o alumnado realiza parte da súa formación práctica. "Tardamos case catro ou cinco días en hixienizar as instalacións e os equipamentos para poder empezar", conta o docente de Enxeñaría Química.

Nese tempo, o Sergas encargouse de procurar as materias primas necesarias para o proceso. Na planta traballan man a man oito membros da universidade, enxeñeiras e enxeñeiros, mais tamén persoal da Facultade de Farmacia. 

A disposición da sociedade

Gumersindo Feijoo salienta por teléfono a importancia da colaboración das tres universidades galegas coa Administración pública. "Creo que é como non podía ser doutro xeito", asegura, "esa é a virtude dunha universidade pública, temos que estar ao que mande a sociedade".

Feijoo apunta a que, máis alá da fabricación do xel desinfectante, a USC puxo a disposición da Xunta todo o seu material, así como as residencias de estudantes para o aloxamento de persoal sanitario ou de doentes. "Tamén ofrecemos as nosas impresoras 3D, están preparadas", conclúe.