O escudo do Reino da Galiza, este sábado no Carballiño

O escudo galego nunha serie de brasóns da calcografía de Agostiño Carracci en 1582 (Imaxe: Héitor Picallo)

Organizado por OzocoGZ, contará coa presenza do autor da publicación, Héitor Picallo, e da doutora en Filoloxía Románica e profesora da USC Mariña Arbor. A ocupación é limitada polo que cómpre confirmar asistencia.

O Escudo do Reino de Galiza, unha (re) visión (inter)nacional, do investigador, escritor e ilustrador Héitor Picallo e editado por Sermos Galiza chegará este sábado ao Carballiño da man da presentación organizada por OzocoGZ e que se desenvolverá a partir das 12 horas en Casa Gazpara. Na presentación tomará parte, ademáis do autor, Mariña Arbor, profesora da Universidade de Compostela e doutora en Filoloxía Románica.

O acto desenvólvese baixo o protocolo da Covid para interiores, polo que a capacidade é limitada cómpre que as persoas interesadas confirmen asistencia (tlfono: 620 747 310). Ailás, é obrigatorio o uso da máscara e manter a distancia interpersoal.

Carballiño é así unha nova parada nas presentación desta obra de 224 páxinas a toda cor e máis de 150 ilustracións para ofrecer unha visión máis completa da orixe do escudo galego.

"As primeiras representacións do escudo galego son realmente fabulosas", destacaba Picallo

As primeiras versións coñecidas do escudo do Reino da Galiza datan dos anos finais do século XIII. Así no Segar´s Roll, un armorial -libros de armería con descrición de emblemas heráldicos- inglés elaborado arredor de 1282 aparecen recollidos 24 escudos reais, entre eles os de España, Navarra, Portugal, Aragón ou Galiza, representado “en campo azur, tres cálices de ouros ben ordenados”.

O traballo conta cun preámbulo traducido a sete idiomas: alemán, español, catalán, euskera, francés, inglés e xaponés e un prólogo de Johanes Kabatek, catedrático da Universidade de Zúric onde se ocupa da cátedra de Lingüística Iberorrománica e de Lingüística Románica. É membro correspondente da Real Academia Galega desde 2002.

A maiores, o libro, ten un epílogo asinado por Carlos L. Bernárdez, licenciado en Xeografía e Historia e recoñecido ensaísta no campo literario e artístico.