A escribenta das canaveiras, ameazada por proxectos eólicos na Galiza, camiña cara á desaparición

Exemplar de escribenta das canaveiras. (Foto: Nós Diario)
Só quedan unhas 300 parellas reprodutoras desta ave en todo o Estado. Na Galiza está catalogada como "en perigo de extinción" e diferentes parques eólicos actualmente en tramitación instalaríanse en parte dos territorios reservados para a súa recuperación.

A poboación da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus) na península ibérica encamíñase á súa desaparición, xa que só alcanza as 300 parellas reprodutoras no conxunto do Estado español, como evidencia o último censo, correspondente a 2021, coordinado por SEO/BirdLife e presentado esta segunda feira, no que se constata un declive de aproximadamente 22% no caso da subespecie iberoriental —238-244 parellas— e de 62% na subespecie iberoccidental —20-30 parellas—, en comparanza co anterior reconto, de 2005.

No caso concreto da Galiza, está catalogada como especie "en perigo de extinción" após constatarse un radical descenso da súa poboación, censada en 2007 en 56 parellas reprodutoras, até comezos do presente século. En 2013 a Xunta aprobou o Plan de recuperación desta especie, destinado a duplicar os exemplares nun prazo de 20 anos.

Os resultados deste último censo tamén revelan que a presenza desta especie, propia de zonas húmidas ou pequenos humidais, reduciuse xa que ambas as poboacións están concentradas actualmente en dúas áreas de só 10 quilómetros cadrados en todo o Estado. Desde SEO/BirdLife apunta que a escribenta das canaveiras iberoccidental desapareceu nas últimas dúas décadas de varias comunidades autónomas como Euskadi, Cantabria e Asturias, e só ocupa seis humidais na Galiza, mentres a subespecie iberoriental atópase en 15 localidades —situadas nos humidais do Delta do Ebro, Tablas de Daimiel e S'Albufera de Mallorca— que acollen perto de 85% do total.

A organización sinalou que a perda —destrución ou degradación— das zonas húmidas, cuxa superficie desapareceu entre 60 e 70% nos últimos dous séculos, constitúe un factor de risco para esta especie. A iso súmanse os cambios nos réximes hídricos pola intensificación agraria e a explotación dos acuíferos, que conduciron á desaparición de centos de pequenos humidais, así como o inzamento de diferentes proxectos eólicos que ocuparían terreos enmarcados no Plan de recuperación desta ave.

Desde SEO/BirdLife lamentan que a tendencia da propia especie por estabelecer reducidas poboacións en pequenos humidais a comprometan notabelmente debido a que aumenta a súa vulnerabilidade e favorece numerosas extincións locais, por mor da fragmentación do hábitat e a redución da conectividade entre poboacións. Ramón Martí, director de Coordinación Territorial da entidade, precisou que o futuro da especie tamén está comprometido pola contaminación, a caza, a pesca ou as especies invasoras, cuxa presenza pode aumentar ao reducirse o nivel de auga de certas partes das zonas húmidas e facilitar o seu acceso a estes lugares.

A realización deste censo ou monografía, alén de pretender ampliar o coñecemento sobre a situación da escribenta das canaveiras no Estado español, tamén permitiu expor unha proposta de Estratexia de Conservación para a especie. "Hai que traballar en dous piares: un pegado ao territorio, con accións de xestión específica que manteñan e recuperen os hábitats adecuados para a especie, e outro mellorando a xestión hidrolóxica dos humidais nos que se atopa presente, a través da aplicación de políticas integradas nas concas destes espazos", explicou o delegado de SEO no País Valencià, Mario Giménez.

Para abordar de maneira urxente a situación desta especie e evitar a súa extinción, Giménez incidiu na necesidade de incrementar o número de parellas reprodutoras nos humidais nos que se atopa actualmente para "potenciar a capacidade de dispersión a novas áreas de reprodución". Tamén sinalou como prioridade aumentar a área de distribución "mellorando os hábitats nos humidais onde a especie estaba presente nos últimos 20 anos e facilitando a recolonización destas localidades mellorando a conectividade entre humidais e a permeabilidade paisaxística".