Paleolítico medio

As escavacións na Cova de Eirós amosan como vivían os neandertais na Galiza

Cova de Eirós

Grazas o avance dos traballos arqueolóxicos e das escavacións efectuadas na Cova de Eirós, no concello de Triacastela, xa estamos máis perto de coñecer como era a forma de vida dos neandertais durante o Paleolítico medio na Galiza.

A Galiza xa poderá coñecer de que maneira vivían as e os seus habitantes no Paleolítico medio grazas ao avance dos traballos arqueolóxicos desenvolvidos na Cova de Eirós por membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Santiago de Compostela e máis do Instituit de Paleocología Humana i Evolució Social de Tarragona.

Os labores arqueolóxicos e as escavacións levadas a cabo permitiron adentrarse no coñecemento dos modos de vida dos neandertais que moraron na Cova de Eirós .

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, destacou na visita á cova nesta segunda feira 26 de agosto a "relevancia das investigacións" lideradas polo catedrático da USC Ramón Fábregas, e puxo de manifesto as "novas posibilidades de estudo" e "a múltiple información das pezas e restos líticos e ósos”.

Nas intervencións arqueolóxicas atopáronse "ósos queimados con marcas de corte e percusión" sobre a súa superficie que demostran que "cazaban cervos"

Nas intervencións arqueolóxicas atopáronse "ósos queimados con marcas de corte e percusión" sobre a súa superficie que demostran que "cazaban cervos", tanto para o seu consumo como para o "aproveitamento das súas peles", relata Fábregas.

Desta maneira, o investigador sinalou que os restos líticos, con núcleos e instrumentos retocados indican que "tallaron as súas ferramentas en cuarzos locais", e as ferramentas en cuarcita demostran a "gran complexidade técnica" destes grupos e da súa "pericia".

A actuación foi financiada pola Consellaría de Cultura e Turismo e pola USC e hoxe "chega ao seu final" despois de "intensas semanas de traballo", destacou o investigador.

Unha declaración de BIC insuficiente

Marzo de 2019 o Consello da Xunta aprobou declarar a Cova de Eirós como Ben de Interese Cultural na categoría de protección de xacemento arqueolóxico, en lugar de monumento, como propuña o expediente inicial, que foi incoado en abril de 2017.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza Adega levara a Xunta perante os tribunais por non iniciar nin tramitar en tempo e forma o expediente de declaración da Cova de Eirós como BIC. “Non atopamos outra saída máis que a demanda xudicial para instar á Consellaría a cumprir coa súa obriga na protección deste importantísimo xacemento galego de relevancia internacional e máximo expoñente do Paleolítico da Galiza”, afirmaba Adela Figueroa, bióloga e fundadora de Adega, naquela altura a Sermos Galiza.

 

Adega considera a actual catalogación da Cova de Eirós como Ben de Interese Cultural un paso adiante, mais un paso insuficiente, pois lamenta que non se estabelezan restricións maiores para o uso de explosivos da actividade mineira arredor da Cova de Eirós, mantendo os parámetros de control e monitorización das voaduras que até o de agora rexeron e que son, ao entender de Adega, “totalmente insuficientes para garantir a integridade e preservación do xacemento”.